O ITG leva aos concellos pequenos a xestión smart da auga

mércores, 18 de outubro do 2017 Fernando Sarasketa

Valladolid acolleu hoxe a presentación de tecnoloxía galega para optimizar con recursos intelixentes a xestión da auga en localidades con orzamentos limitados para facerse con estes recursos. Falamos, máis polo miúdo, da nova metodoloxía de xestión hidrolóxica Aquamundam, desenvolvida polo Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) en colaboración coa Confederación Hidrográfica do Douro, Augas de Galicia, a Fundación CARTIF, a Comunidade Intermunicipal do Alto Minho e o Instituto Pedro Nunes de Portugal. Segundo fixeron saber, o resultado do seu traballo conxunto é un sistema de información integral para a xestión eficiente, integrada e sustentábel da auga que “pon a disposición de pequenas poboacións os recursos smart propios das grandes cidades intelixentes”. O proxecto dará servizo a pequenos e medianos concellos de España e Portugal, achegándolles ferramentas TIC para facer seguimentos das redes de distribución da auga potábel e dos sistemas de saneamento.
Tamén engadiron que a tecnoloxía resultante non só ten a súa orixe na necesidade de universalizar os recursos intelixentes (descentralizándoos das grandes cidades e centros económicos), senón tamén na situación actual de cambio climático e de secas reincidentes, que fan máis relevantes e necesarias ca nunca as planificacións hidrolóxicas e a eficiencia das redes de distribución. Neste sentido, sinalaron, “o principal obxectivo de Aquamundam é o coidado do medio ambiente a través da mellora na xestión do ciclo integral da auga en espazos transfronteirizos, fomentando o seu uso racional mediante o desenvolvemento de novas metodoloxías e ferramentas e a posta en valor de solucións e técnicas xa existentes”.
O programa, iniciado en xuño deste ano e que conta cun orzamento de 1,3 millóns de euros de fondos europeos, colleu corpo nunha serie de concellos participantes de ámbolos dous países (8 en España e 4 en Portugal). Amais de todo o devandito, Aquamundam permitiralles coñecer os seus custos de explotación hídricos e posíbeis incidencias en tempo real. Ademais, está prevista a elaboración de diagnósticos e plans de mellora específicos para cada un deles.
“O proxecto”, engade o ITG (líder do grupo de traballo), “achega unha metodoloxía de xestión que contempla un único punto común de información para os titulares, xestores e usuarios, dando soporte á toma de decisións e permitindo reducir o tempo de resposta fronte ás posíbeis eventualidades que se presenten nos servizos de auga”.
Como lembraremos, o ITG acumula máis de 10 anos de experiencia en recoñecidos proxectos europeos sobre xestión de recursos hídricos. É o caso de WetNet (detección de fugas de auga en redes urbanas), SANePLAN (xestión de saneamento e planificación urbana) e WIZ (precursor de SANePLAN).

PUBLICIDADE