O ITG lidera un proxecto para dixitalizar a xestión da auga en España e Portugal
mércores, 19 de outubro do 2022
O
Instituto
Tecnolóxico de Galicia (ITG) participou na presentación dun
proxecto para garantir a xestión eficiente e intelixente da auga: o
proxecto Aqualitrans II. Trátase dunha iniciativa de cooperación
transfronteiriza entre España e Portugal liderada pola dita entidade
con sede na Coruña e que ten como obxectivo específico o de
“mellorar a xestión e promover o uso eficiente da enerxía no
sector da depuración de augas residuais (EDAR) mediante o aumento do
autoconsumo, a dixitalización e o desenvolvemento de modelos
innovadores de xestión das estacións depuradoras de Galicia e o
norte de Portugal”.
O
proxecto, que foi presentado este 19 de outubro na sede de ITG, na
Coruña, conta coa participación da Xunta de Galicia, a través de
Augas de Galicia e o INEGA (Instituto Enerxético de Galicia), o
Instituto de Ciência e Inovação em Engenharia Mecânica e
Engenharia Industrial (INEGI) e a Empresa de Águas e Enerxía da
Cámara de Porto.
En
concreto, os traballos desenvolvidos por Aqualitrans II permitirán o
seguinte: crear unha ferramenta para o dimensionado de
solucións de autoconsumo en EDAR; implantar o autoconsumo
fotovoltaico; deseñar solucións de dixitalización de enerxía e
auga para integración nunha plataforma de xestión avanzada;
establecer patróns de demanda enerxética vencellada á operación
da EDAR; desenvolver novas funcionalidades na plataforma de xestión
avanzada, aliñadas cos obxectivos da transición enerxética, e,
finalmente, transferir resultados na contorna das depuradoras. “En
definitiva”, explicou o ITG, “os resultados obtidos ofrecerán
información e solucións a empresas e organismos públicos para a
mellora e evolución da EDAR no ámbito da transformación
sustentábel da enerxía”.
ITG
será o encargado de desenvolver, en colaboración con INEGA e INEGI,
unha ferramenta online para o dimensionado e a
análise de viabilidade de sistemas de autoconsumo fotovoltaico para
a EDAR, tendo en conta para iso a tipificación da curva de consumo
horaria e as características de localización, orientación e
superficie dispoñible. Posteriormente, seleccionaranse seis EDAR en
Galicia e unha en Portugal para implantar as solucións de mellora da
eficiencia para autoconsumo fotovoltaico e de dixitalización de
enerxía e auga. Amais, dotarase de novas funcionalidades á
plataforma de xestión avanzada desenvolvida en AQUALITRANS,
“permitindo así mellorar a eficiencia e a capacidade de xestión
da demanda enerxética”, explicou o ITG.