O ITG exhibe en Expodrónica as solucións tecnolóxicas que impulsarán o sector dos drons
martes, 21 de xuño do 2022
O
Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG)
vai presentar estes días (até o xoves 23) as súas solucións en
materia aeronáutico-tecnolóxica na feira Expodrónica,
destacado evento nacional centrado nos sistemas aéreos non
tripulados (UAV) e abeirado ao World ATM Congress 2022. As novidades
dadas a coñecer polo ITG dan resposta aos principais retos aos que
se enfronta este mercado en auxe: a automatización e a autonomía
dos UAV e a xestión do tráfico aéreo ou U-Space.
A un
nivel máis concreto, a caseta de ITG será o punto de información
principal sobre as solucións DroneSafeBox do instituto (o hangar
robotizado para voos autónomos ou controlados desde localizacións
remotas); sobre DroneSuite (unha plataforma na nube que aglutina as
ferramentas e utilidades necesarias para xestionar, operar e
administrar múltiples voos con drons); e sobre a plataforma U-Space
Airus Suite. Así mesmo, ITG avanzará na feira as novidades da
demostración dun servizo de taxi aéreo que se vai celebrar en
Galicia en 2022 enmarcada no proxecto europeo H2020 AMU-LED.
Ademais,
o centro tecnolóxico exporá os avances de Galaxy-Lab, o laboratorio
avanzado de Intelixencia Artificial aplicada a vehículos aéreos que
está a desenvolver e que contará cun investimento de 1,5 millóns
de euros.
O
Instituto Tecnolóxico de Galicia manterá en Expodrónica encontros
con empresas clientes e partners como Boeing, Eurocontrol,
Enaire, NTT Data, Sener Aeroespacial, Openvia Air e AME (Alliance
for New Mobility Europe), entre outros. Analía López Fidalgo
(directora da división de Sensórica e Sistemas Aéreos non
Tripulados de ITG) intervirá no relatorio Civil UAVs Initiative:
unha visión integrada, que se celebra este martes 21 no Civil
UAVs Initiative Theatre.