O ITG mostra os últimos avances en loxística con drons desde o porto exterior da Coruña
mércores, 23 de abril do 2025
O porto exterior da Coruña foi escenario este mércores 23 de abril dunha demostración de mobilidade aérea con múltiples drons, coordinada polo centro tecnolóxico ITG (Instituto Tecnolóxico de Galicia). Este exercicio levouse a cabo durante a xornada de presentación de resultados da iniciativa U-ELCOME para o desenvolvemento do U-Space ou xestión de tráfico aéreo de drons en Europa, que conta con 51 socios de 3 países e no que ITG lidera o nodo galego.
Así, ao longo da mañá leváronse a cabo nove operacións simultáneas de drons, entre elas, a demostración de transporte loxístico urxente en voo de longo alcance entre o porto exterior da Coruña e Malpica.
Trala presentación en Galaxy-Lab, o laboratorio avanzado de experimentación avanzada en Intelixencia Artificial de ITG, os asistentes trasladáronse ao porto exterior da Coruña, onde tivo lugar a demostración técnica con múltiples operacións simultáneas nunha contorna real e complexa como é o portuario. Nesta acción participaron, ademais de ITG, Cartogalicia, Aeromedia, Aerocamarás e INECO, que levaron a cabo as operacións simultáneas de drons, todas elas coordinadas e integradas por o centro tecnolóxico galego. Un dos momentos clave da xornada foi o voo loxístico de longo alcance, a cargo de BCN Drone Center, que conectou o porto exterior da Coruña coa localidade de Malpica, cubrindo unha distancia total de 46 quilómetros (ida e volta).
Carlos Calvo Orosa, director xeneral de ITG, destacou que “a tecnoloxía de xestión do tráfico de drons desenvolvida por ITG foi testada en 10 localizacións en Europa e América, e está recoñecida como unha das máis avanzadas no mundo. A demostración realizada hoxe é un anticipo do que está por vir nun futuro moi próximo, un traballo que xa estamos a desenvolver para multinacionais como Airbus, Boeing ou Telespazio, e en colaboración cos reguladores aeronáuticos europeos”.
Pola súa banda, Martín Fernández Prado, presidente da Autoridade Portuaria da Coruña, sinalou que “ITG é un centro tecnolóxico punteiro a nivel internacional, e contar coa súa colaboración e asesoramento para a utilización de drons nos espazos portuarios supón un gran valor para o porto da Coruña, ao incidir de forma moi positiva no control das infraestruturas ou a mellora das operacións, entre outras moitas funcionalidades.”
Esta operación, realizada coa aeronave Eiger, do fabricante suízo RigiTech, especializada en solucións de transporte aéreo non tripulado para aplicacións loxísticas, tivo como obxectivo demostrar a eficiencia deste tipo de roteiros para conectar zonas urbanas e rurais, logrando importantes reducións de tempo e posibilitando múltiples usos de transporte loxístico urxente como documentación, ferramentas, material técnico, repostos de pequeno tamaño ou material sanitario urxente. “Neste caso”, informou o ITG, “mentres que o traxecto por estrada pode superar os 40 minutos, o dron puido completar o percorrido en tan só 15 minutos, realizando un transporte loxístico urxente, sen depender do tráfico nin xerar emisións”.
As operacións foron monitoradas polos provedores de tecnoloxía U-Space de ENAIRE e ITG. No caso da plataforma desenvolvida polo centro tecnolóxico ITG, DALIAH, facilitou a xestión eficiente e segura das operacións de drons, garantindo un control preciso do tráfico aéreo. Ambos os sistemas traballaron de forma coordinada, con ENAIRE actuando como provedor común de servizos de información en España. Pola súa banda, a torre de control do Aeroporto de Alvedro, xestionada por SAERCO, coordinou as operacións para facilitar a integración co tráfico aéreo tripulado no espazo aéreo controlado. Neste contexto, aplicouse o procedemento DAR (Dynamic Airspace Reconfiguration), que permite a reconfiguración dinámica do espazo aéreo, suspendendo temporalmente zonas U-Space para adaptarse a necesidades imprevistas do tráfico convencional.<
