O ITG obtén un premio nacional polo seu labor en transformación enerxética

xoves, 12 de xuño do 2025 S. P.

O centro tecnolóxico galego ITG obtivo un novo recoñecemento por fomentar a transición enerxética. En concreto, trátase do premio á Mellor Iniciativa de Educación, Sensibilización e Difusión da Transición Enerxética, outorgado pola Asociación de Agencias Españolas de Gestión de la Energía (EnerAgen). O galardón recaeu sobre CEL Rural, iniciativa promovida polo centro tecnolóxico e avalada pola Oficina de Transición Enerxética da Deputación da Coruña.
CEL Rural promove as Comunidades Enerxéticas Locais a través do desenvolvemento de ferramentas dixitais, pilotos e elaboración de metodoloxías. Ademais, pon o foco na educación enerxética, a sensibilización cidadá e a transferencia de coñecemento como condicións esenciais para a sustentabilidade e escalabilidade destes modelos.
Grazas á iniciativa liderada por ITG implantáronse con éxito comunidades enerxéticas en Xermade (Lugo), Fontiveros (Ávila), Culatra (Algarve) e Vilaverde (Braga), e está en camiño de habilitarse unha quinta en Moeche (A Coruña). Grazas ao impacto e a escalabilidade da tecnoloxía desenvolvida, que foi testada en laboratorios de ITG e do Instituto Nacional de Tecnoloxía Aeroespacial (INTA), cada fogar adherido a estas CEL pode aforrar o 20% ao ano na súa factura da luz, reducir a súa dependencia enerxética e substituírse combustibles fósiles por enerxías renovables.
Deste xeito, CEL Rural permite abordar as barreiras técnicas, sociais e culturais que frean a xestión cidadá da enerxía, fomentando unha cultura enerxética compartida e baseada na capacitación, a corresponsabilidade e o empoderamento das comunidades rurais; e involucrando aos veciños non só como usuarios finais, senón como axentes activos na toma de decisións sobre o modelo enerxético das súas comunidades.
O recoñecemento, que foi outorgado ao centro tecnolóxico durante unha gala celebrada este mércores 11 de xuño en Sevilla, súmase a outro premio recente, o Roger Léron á Innovación na Transición Enerxética 2025, tamén polo traballo de ITG en CEL Rural desenvolvendo solucións tecnolóxicas para a xestión intelixente da enerxía.
Este galardón europeo, outorgado por FEDARENE, a Federación Europea de Axencias e Rexións para a Enerxía e o Medio Ambiente, é, segundo indica o ITG, un dos poucos premios independentes que supón o recoñecemento de profesionais do sector a persoas e iniciativas que contribúen á transición enerxética.
CEL RURAL é unha iniciativa liderada por ITG e implementada onda a Deputación Provincial de Ávila, a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), o INTA, a Universidad de Sevilla e outras tres entidades portuguesas, que conta con financiamento da Unión Europea a través do programa Interreg POCTEP.