O ITG organizou un simulacro de rescate no mar cun dron totalmente autónomo

venres, 16 de outubro do 2020 Fernando Sarasketa

O Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) desenvolveu na mañá deste venres 16 un simulacro de rescate con drons na costa en Áncora, o Centro Experimental para Vehículos non Tripulados de San Cibrao (Lugo). A actividade, levada a cabo en colaboración coa Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA), consistiu na procura e localización dun pescador nunhas rochas de difícil acceso mediante un vehículo aéreo non tripulado con alto nivel de autonomía e de xeito desatendido. A tecnoloxía empregada foi a DroneSafeBox, equipamento innovador desenvolvido polo ITG para permitir aos drons, en canto a lexislación o permita, voar de forma totalmente autónoma.
Durante o simulacro púxose en marcha unha misión de emerxencia desde o campo de voo de Áncora. Así, a partir da chamada do accidentado ao 112, a AXEGA púxose en contacto co centro de operación Áncora de ITG, desde onde se activou o mecanismo que fixo que un dron, equipado con cámara térmica e visíbel, despegase do niño de recarga intelixente e autónomo de DroneSafeBox para proceder ao seguimento en tempo real da misión.
“Esta manobra”, informou o ITG, “permitiu comprobar nunha situación realista a aplicación da nosa tecnoloxía no ámbito das aeronaves non tripuladas, que ten como obxectivo favorecer a posta en marcha de negocios no ámbito das aplicacións civís para drons, proporcionando maior autonomía e intelixencia de voo xunto a menores custos operativos, así como o desenvolvemento de tecnoloxía para a prestación de servizos con vehículos aéreos non tripulados”.
Drone in a Box, engadiu o instituto, consiste nunha contribución tecnolóxica que pon en xogo puntos de aterraxe, recarga e comprobación totalmente autónomos (cunha mínima intervención humana) en distintas localizacións dun percorrido específico. O ITG tamén salientou que a proba supuxo “a materialización dun dos casos de uso que permitirá a futura normativa europea no ámbito dos drons”.
O simulacro levado a cabo enmárcase nas probas finais da UMI FASTFly (Full Autonomous Systems for UAS), na que participan o ITG e Star Defence Logistincs & Engineering (SDLE). Trátase da única Unidade Mixta de investigación que, impulsada pola Xunta de Galicia, está especializada en aeronaves non tripuladas.

PUBLICIDADE