O ITG participa nun proxecto europeo para transformar a industria alimentaria

martes, 19 de maio do 2020 S. P.

O Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) participa xunto con 18 clústeres agroalimentarios e organismos de investigación de 14 rexións europeas na rede europea Smart Sensors 4 Agri-food (SS4AF) que ten como obxectivo “impulsar a transformación dixital do sector agroalimentario e facilitar o acceso a solucións TIC aplicábeis á industria”. A rede, liderada por Flanders’ Food (clúster flamenco de alimentación), conta tamén coa participación do Cluster Alimentario de Galicia (CLUSAGA).
Segundo informa o ITG, o gran obxectivo de SS4AF é pór en marcha “unha folla de ruta para a transformación dixital, creando comunidades de innovación alén das fronteiras e brindando oportunidades de financiamento”. Ao seu abeiro, avanzarase na integración de tecnoloxías nas liñas de produción e adoptaranse programas de capacitación para as empresas e os seus traballadores.
Dentro desta rede, o ITG participa en dous proxectos concretos, CONNSENSYS (Connecting smart sensor systems for the food industry) e S3FOOD (Smart Sensor Systems for Food Safety, Quality Control and Resource Efficiency in the Food Processing Industry). O primeiro é un proxecto que busca fomentar a colaboración para a transformación dixital na industria alimentaria, centrándose en sistemas baseados en sensores intelixentes, fabricación avanzada, transformación dixital e Industria 4.0. Ao seu abeiro crearase unha rede europea colaborativa de bancos de probas reais e contornas de experimentación onde os usuarios e os produtores poidan co-crear innovacións (living labs).
O proxecto CONNENSYS, que se iniciou en 2018 e rematará este 2020, conta cun orzamento de máis de 370.000 euros de fondos europeos do programa COSME. Os oito socios participantes teñen como obxectivo sensibilizar a unhas 150 compañías e organismos, entre pemes, provedores de tecnoloxía, organismos de investigación e actores públicos.
Pola súa banda, S3FOOD, financiado polo programa Horizonte 2020 da Unión Europea, diríxese a facilitar a dixitalización da industria de transformación dos alimentos, impulsando a incorporación de sensores intelixentes nos procesos de produción para xerar datos dixitais que poidan ser tratados co uso de análise de información masiva (Big Data) e Intelixencia Artificial.
O proxecto conta cun orzamento total de 5.038.454 de euros. Polo menos o 75% desta contía destinarase directamente ás pemes en forma de cheques, formación e asesoramento empresarial. Fomenta, así mesmo, “a adopción de solucións innovadoras mediante fondos en fervenza”, sinala o ITG.

PUBLICIDADE