O ITG presenta DroneFinder, a solución que unifica drons e IA a para buscar persoas desaparecidas
martes, 9 de xaneiro do 2024
Localizar a persoas desaparecidas en tempo marca e salvar vidas
mediante o uso de drons e Intelixencia Artificial (IA) é a misión
do DroneFinder, a idea levada a cabo por Aeromedia, Indra e o
Instituto
Tecnolóxico de Galicia (ITG). O dito sistema, impulsado
pola Axencia Galega de Innovación (GAIN) no marco do Polo
Aeroespacial de Galicia e que contou con financiamento da Xunta de
Galicia, a través de Fondos FEDER, ten como usuarios finais á
Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA), ás Forzas e Corpos de
Seguridade do Estado e entidades sociosanitarias.
DroneFinder era presentado esta mañá do martes 9 de xaneiro pola
UTE formada por Aeromedia, Indra e o ITG, nun acto onde se deron a
coñecer os seus usos e potencialidades e que contou coa presenza
como convidados do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda; así
como dos titulares das Consellerías de Presidencia e Política
Social; representantes de empresas, entidades do ámbito
sociosanitario, Protección Civil e Forzas e Corpos de Seguridade do
Estado. A solución foi xa testada en diferentes escenarios e casos
de uso, tanto en zonas periurbanas como rurais e costeiras, e nun
total de 11 misións de localización e procura en colaboración con
AXEGA e membros de Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.
A finalidade desta solución é localizar a persoas extraviadas nun
tempo marca, posto que, para o éxito deste tipo de operacións as
primeiras 48 horas de procura son vitais, especialmente na procura de
persoas con deterioración cognitiva, enfermidades neurodexenerativas
ou persoas con discapacidade.
E é que, segundo datos de SOS Desaparecidos, o 46% dos maiores de 70
anos que se perden en España padecen a enfermidade de alzhéimer. En
moitos casos, o desenlace destas situacións é fatal, malia que a
maioría dos falecidos atopábanse a só 3 ou 4 quilómetros da súa
residencia ou do lugar onde foron vistas por última vez. Asemade, no
caso do turismo activo ou de catástrofes naturais, son frecuentes os
accidentes ou situacións nas que unha persoa se perde e non ten
posibilidade de comunicar a súa situación.
Para resolver o problema, DroneFinder analiza de maneira automática,
en tempo real, grandes volumes de imaxes recollidas pola cámara de
vídeo dual (RGB e térmica) integrada nos drons. Para iso, conta cun
software de Intelixencia Artificial que foi adestrado con até 40
horas de gravacións recompiladas para tal efecto. Amais, o
dispositivo pode detectar á persoa no caso de que esta porte algún
dispositivo electrónico, como pode ser unha pulseira, reloxo
intelixente (smartwatch) ou un smartphone. Ao mesmo
tempo, lanza un aviso directamente aos equipos de emerxencias,
reducindo ao mínimo os tempos de resposta e optimizando os recursos
empregados na procura, contribuíndo con iso a salvar vidas.
A empresa Aeromedia, especializada en servizos de RPAS (sistemas de
aeronaves pilotadas a distancia), posúe experiencia a nivel nacional
en servizos de procura de persoas desaparecidas e achega tanto o
hardware (permitindo a procura a través de reloxos, pulseiras
intelixentes ou teléfonos móbiles), como a despregadura da
operativa de procura con UAV (siglas en inglés de vehículos aéreos
non tripulados).
A compañía Indra, que desenvolveu a aeronave OPV (Optional
Piloted Vehicle) TARGUS dentro do ámbito da Civil UAVs
Initiative da Xunta de Galicia, ofrece a súa experiencia a
través dun centro de procesamento de datos que amorea toda a
información recollida das diversas fontes. Pola súa banda, o
Sistema de Xestión de Procura de Persoas Desaparecidas (SGBPD)
centraliza e almacena as entradas de datos procedentes dos diferentes
sistemas e así achega aos usuarios finais unha interface desde a que
poder facer monitoraxe en tempo real a captura destes, sendo posíbel
empregalos para unha reprodución posterior. Tamén permite que o 112
acceda, en tempo real ás funcionalidades propostas, desde calquera
lugar en que haxa unha conexión a internet ou cobertura de telefonía
móbil.
En canto ao Centro Tecnolóxico ITG, este achega a súa ampla
experiencia en Visión Artificial cunha solución que facilita ao
equipo de procura a inspección visual automatizada das imaxes
capturadas polos drons. Unha tecnoloxía baseada en IA que permite
procesar e analizar en tempo real, sen intervención humana (de día
e de noite), as imaxes procedentes das cámaras duais (RGB e térmica)
que portan os drons. Algoritmos de IA que multiplican o volume de
imaxes analizadas nun curto espazo de tempo, incrementando as
posibilidades de localización dos desaparecidos.