O ITG presenta ante a Xunta os seus avances en IA e computación cuántica
xoves, 1 de agosto do 2024
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez; a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo e a directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, visitaron este 1 de agosto as instalacións na Coruña do Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), onde foron recibidos polo director xeral do centro, Carlos Calvo, e onde puideron coñecer en primeira persoa os últimos avances do ITG en materia de Intelixencia Artificial (IA) e computación cuántica.
Carlos Calvo explicou que “desde o ITG traballamos arreo para posicionarnos como líderes no ámbito da innovación e o desenvolvemento tecnolóxico. O noso compromiso coa excelencia e a procura constante de novas solucións tecnolóxicas permitíronnos alcanzar fitos significativos que impactaron tanto a nivel local como global. Cremos firmemente no poder da innovación para impulsar o progreso económico e social”.
E engadiu: “Nos máis de 30 anos que levamos de traxectoria, o noso traballo foi recoñecido con numerosos premios e distincións e posicionámonos como un referente no desenvolvemento de tecnoloxías e innovación para empresas e institucións, unha actividade que recibiu o recoñecemento de excelencia Cervera do Ministerio de Ciencia e Innovación nos ámbitos específicos da Intelixencia Artificial, a computación cuántica, a transición enerxética e a mobilidade autónoma. Estes recoñecementos son un testemuño do talento e a dedicación do noso equipo”.
Pola súa banda, Román Rodríguez destacou a importancia “de apoiar desde a Administración aos centros tecnolóxicos galegos polo papel que desenvolven na transferencia ao tecido empresarial galego”, sinalando o rol de ITG no impulso da investigación “en eidos como a mobilidade autónoma, a Intelixencia Artificial, a computación cuántica ou a transición enerxética”.
Laboratorio de IA pioneiro en Europa
O ITG mostrou aos representantes da Xunta as súas instalacións, que contan con máis de 1.500m2 de superficie para a experimentación avanzada en Intelixencia Artificial aplicada á mobilidade aérea urbana, a enerxía intelixente e a dixitalización da industria.
A sede actual do ITG recibiu dende a súa inauguración hai oito meses recibiu a visita de máis de 100 empresas.
“Trátase”, explicou o director do centro, “dun laboratorio pioneiro en Europa especialmente para a que as compañías experimenten con sistemas aéreos non tripulados no ámbito do transporte de pasaxeiros e mercadorías en zonas urbanas; dende aquí desenvolvemenos demostracións e probas de produto nunha contorna controlada e que cumpre a esixente normativa de seguridade grazas á súa gaiola exterior para drons de 20 metros de altura, consolidándose como un referente a nivel estatal para as empresas que necesitan realizar este tipo de actividades”.
Aplicacións da Intelixencia Artificial para empresas galegas
No ámbito da IA, ITG traballa para que tecnoloxías como a Realidade Virtual e Aumentada, a Visión Artificial ou o Procesamento de Linguaxe Natural poidan ser incorporadas de forma eficaz polas empresas nos seus procesos de negocio. “Desta forma, mediante o desenvolvemento de intelixencia que permite dar valor de mercado ao inxente volume de datos que manexamos hoxe en día, proporcionamos ás empresas ferramentas prácticas que achegan unha vantaxe competitiva, permitíndolles anticipar as respostas a problemas específicos”, explicaron os responsábeis do ITG, engadindo que “ o uso da IA para predicir as vendas e a optimizar os procesos produtivos e loxísticos asociados ás mesmas é un dos desenvolvementos máis solicitados polas empresas ao ITG actualmente, así como a detección de fallos de envasado mediante Visión Artificial ou predicir a calidade de produtos alimentarios”.
Único centro galego con recoñecemento Cervera en Computación Cuántica
Tamén explicaron que a computación tradicional non permite afrontar a complexidade de cálculo que expón a Intelixencia Artificial, algo que si pode abordar a computación cuántica. Neste senso, engadiron, “o ITG é un dos tres centros tecnolóxicos seleccionados polo Goberno en 2024 para analizar a viabilidade das técnicas de computación cuántica na resolución de problemas complexos no tecido industrial de forma máis rápida e eficiente”.
Baixo a denominación ARQA, esta Rede de Excelencia Investigadora formada por CTIC (centro tecnolóxico de Asturias), Eurecat (centro tecnolóxico de Cataluña) e ITG nace no marco do Plan Cervera que impulsa o Ministerio de Ciencia e Innovación, a través do CDTI. O traballo de ARQA desenvolverase ata xuño de 2025 e irá moito máis alá da teoría, creando demostradores en tres sectores estratéxicos como son a enerxía, a seguridade e o territorio.
Román Rodríguez destacou as achegas do centro
Na súa visita, o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, destacou as contribucións do ITG en ámbitos como a mobilidade autónoma, a IA, a computación cuántica ou a transición enerxética e puxo como exemplo a plataforma desenvolvida polo ITG para a integración e xestión eficiente e segura do tráfico aéreo non tripulado a través da aplicación de tecnoloxías avanzadas.
Esta plataforma, que deu os seus primeiros pasos no marco dunha Unidade Mixta de Investigación apoiada pola Xunta de Galicia, facilita o acceso eficiente e seguro dos drons ao espazo aéreo a través de servizos dixitais e automatización de funcións e xa foi empregada en campañas de voos nacionais e internacionais.
Román Rodríguez apuntou a importancia de apoiar desde a Administración aos centros tecnolóxicos galegos polo papel que desenvolven na dinamización da innovación entre o tecido empresarial galego, por exemplo a través da súa participación en proxectos de I+D+i de carácter estratéxico como os apoiados a través do programa Fábrica Intelixente e Sustentábel da Xunta de Galicia. Neste caso, dixo, “o centro tecnolóxico ITG está a participar nun proxecto de transformación dixital nos procesos de fabricación e comercialización de madeira técnica, sustentábel e con base na IA, liderado por FINSA”.
Así mesmo, o titular de ciencia sinalou a importancia da colaboración entre os distintos axentes do ecosistema galego de I+D+i para impulsar a investigación en áreas estratéxicas para Galicia como os vehículos aéreos non tripulados, na que o ITG impulsou dúas unidades mixtas de investigación con sendas compañías Star Defence Logistics&Engineering e Everis Aeroespacial y Defensa. Estas unidades estiveron centradas, respectivamente, en proporcionar maior autonomía e intelixencia de voo, menores custos operativos e mellor tecnoloxía para a prestación de servizos con drons e en facilitar a integración eficiente e segura dos drons no espazo aéreo.