O ITG presentará a súa spin-off Drone Solutions na feira internacional UAV-Show
luns, 18 de outubro do 2021
O
Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG)
presentará a súa iniciativa innovadora empresarial ITG Drone
Solutions na feira internacional UAV-Show,
que se celebrará entre o 19 e o 21 de outubro en Bordeaux (Francia).
Trátase da segunda spin-off do centro tecnolóxico, que xorde
co obxectivo de “ofrecer solucións tecnolóxicas para o sector dos
vehículos aéreos non tripulados e que dá resposta aos principais
retos aos que se enfronta este mercado en auxe: a automatización e
autonomía destes dispositivos”.
En
concreto, ITG Drone Solutions comercializa dous produtos específicos
froito da I+D realizada durante os últimos anos polos investigadores
de ITG. Trátase de DroneSafeBox, un hangar robotizado dotado da
tecnoloxía necesaria para realizar operacións autónomas,
desatendidas e remotas; e o software DroneSuite, plataforma na nube
que aglutina as ferramentas e utilidades necesarias para xestionar,
operar e administrar a actividade diaria dun operador de vehículos
aéreos non tripulados (UAV polas súas siglas en inglés) no nun
escenario de alta densidade de voos que segundo prognostica o ITG é
“ un escenario inminente”.
Hangar
robotizado
DroneSafeBox
é un hangar robotizado que funciona como punto de aterraxe, recarga
e comprobación totalmente autónomo (cunha mínima intervención
humana) permitindo operar en longas distancias ou durante períodos
ininterrompidos 24×7.
Segundo
informa o ITG, a súa localización en distintos puntos dun
percorrido específico “permite dotar aos drons de meirande
autonomía e intelixencia de voo, anticipándose á implementación
da normativa europea que permite voos autónomos e máis aló da liña
de vista do piloto (BVLOS)”. Seguindo este fío, o hangar achega
grandes posibilidades para operativos en distancias maiores e
meirande complexidade. Amais, o niño robotizado permite reducir os
custos operativos e os tempos de despregamento grazas aos avances
tecnolóxicos que incorpora nos ámbitos da navegación e aterraxe
precisión (Visión Artificial a bordo e interfaz con autopiloto), a
carga e xestión autónoma e intelixente de enerxía (electrónica a
bordo e en hangar), a integración de cargas de pago (cámaras RGB,
multi/hiperespectrais, etc.) e o software avanzado para control desde
terra. Esta solución foi testada con éxito en simulacros realizados
en colaboración coa Axencia Galega de Emerxencias e coa Sociedade de
Salvamento e Seguridade Marítima, entre outros.
Xestión
de voos en escenarios de alta densidade
A
outra liña de traballo da spin-off do ITG é DroneSuite, unha
tecnoloxía destinada a facilitar a xestión da actividade diaria dun
operador de vehículos non tripulados nun escenario de alta densidade
de voos de aeronaves non tripuladas como o que traerá o
desenvolvemento do sector nos próximos anos e que permitirá a
implementación do novo regulamento específico sobre a materia.
“DroneSuite”, informa o instituto galego, “é unha plataforma
baseada na nube con ferramentas e utilidades de software deseñadas
para facilitar a xestión, operación e administración da actividade
habitual dun operador de drons, permitindo automatizar tarefas de
procesado e xerar resultados de forma eficaz cun alto valor
engadido”.
Entre
as funcionalidades que contempla esta plataforma atópase un módulo
que se encarga da execución da operación; un xestor de frotas, que
facilita o control e monitoraxe dos activos e persoal da empresa
operadora, como pilotos e drons; o xestor de operacións, pensado
para planificar e deseñar en oficina as operacións que levarán a
cabo; o procesado de datos, onde se explota a información capturada,
analizando e estudando os aspectos necesarios a través das
diferentes ferramentas integradas na plataforma; a xeración de
informes, presentación gráfica e documental dos resultados
analizados e procesados en forma de informes e estatísticas; e un
módulo de administración para a realización de diferentes tarefas
xenéricas para o operador”.