O ITG, recoñecido como centro de excelencia para impulsar a Intelixencia Artificial en España

luns, 26 de xullo do 2021 S. P.

A sede do ITG na Coruña

O Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) vén de obter un importante recoñecemento polas súas relevantes contribucións a prol dos sistemas avanzados que avalían a información a gran escala e lle extraen rendemento, aplicacións e novas posibilidades. En concreto, o instituto con sede na Coruña foi distinguido como centro tecnolóxico español de referencia polo Ministerio de Ciencia e Innovación, a través do CDTI, para definir e habilitar solucións no sector empresarial baseadas en Intelixencia Artificial.
ITG é, de feito, o único centro tecnolóxico galego elixido para participar en CEL.IA, a rede estatal de excelencia investigadora Cervera que axudará ás empresas (cunha dotación de 3,9 millóns de euros) a implementar nos seus procesos soluciones baseadas en Intelixencia Artificial (IA). En base a isto, o centro tecnolóxico ITG continuará traballando en superar as barreiras para que esta tecnoloxía (e outras asociadas como a Realidade Virtual e Aumentada, a Visión Artificial ou o Procesamento de Linguaxe Natural) poidan ser incorporadas nos seus procesos de negocio.
Para Óscar González Represas, director da división TIC e Enxeñaría de Software en ITG, “este recoñecemento supón un novo salto cualitativo que nos permitirá prestar máis e mellores servizos nos próximos anos á industria e ás empresas no ámbito da Industria 4.0”.
Segundo confirma a dirección do instituto no plano máis detallado, o ITG traballará coas empresas nas áreas de Visión Artificial (VAI) e de Procesamento de Linguaxe Natural (PLN). No primeiro caso, encargarase do deseño e aplicación de novas técnicas baseadas en Aprendizaxe Profunda (Deep Learning) que permiten interpretar a información visual que recolle calquera tipo de cámara, tanto as convencionais RGB, como as térmicas, as multiespectrales, hiperespectrales, Lidar, etc. “O instituto conta cunha ampla experiencia previa neste eido”, explican fontes do ITG, poñendo o foco na súa experiencia materializando solucións enfocadas, por exemplo, á detección de vehículos emisores de gases contaminantes; á detección de defectos de calidade e fabricación nun produto final, así como á detección e clasificación de persoas en contornas concretas.

Carlos Calvo, director xeral do ITG

Polo que respecta ao ámbito PLN, o ITG destaca que se trata dun ámbito de “enorme importancia” , xa que as técnicas de aprendizaxe automática permiten perfeccionar os asistentes virtuais ou simuladores de conversas humanas que cada vez son máis habituais no noso día a día, recollendo e comprendendo as intencións do usuario a través dos diferentes dispositivos que este utiliza e, tamén, achegando a información axeitada para cada persoa. O ITG xa desenvolveu solucións específicas neste ámbito como a que nos permite realizar consultas concretas sobre uns resultados médicos facilitados previamente, interactuando co asistente virtual.

PUBLICIDADE