O ITG reforza cunha nova iniciativa de alcance estatal o seu posicionamento en IA para a defensa
xoves, 2 de xullo do 2026
O Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) participa en Guardianes (Rede de Excelencia en Tecnoloxías de Intelixencia Artificial para a Seguridade e a Defensa), unha iniciativa estratéxica de I+D+i financiada polo Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico e a Innovación (CDTI), dependente do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, no marco das Axudas Cervera a Centros Tecnolóxicos.
Trátase da única entidade galega integrante do consorcio, o que reforza o seu papel referencial en materia de IA e a súa presenza en iniciativas estratéxicas de ámbito estatal nun ámbito de crecente relevancia: as tecnoloxías avanzadas na defensa.
“Consolidamos a liña de traballo CEL.IA iniciada en 2021, tamén recoñecida co selo de excelencia Cervera polo CDTI. Evolucionamos tecnoloxías que xa funcionan no ámbito civil, como IA, realidade virtual e aumentada, visión artificial, computación avanzada, sensores, datos federados… adaptándoas á contorna da defensa, aliñándoas cos máis altos estándares de seguridade e preservando a soberanía tecnolóxica de España.” afirma Carlos Calvo, director xeneral do centro tecnolóxico ITG, explicando que o consorcio está integrado por sete centros tecnolóxicos de referencia en España: os valencianos ITI e IBV, o asturiano CTIC, o aragonés CIRCE, o castelán-leonés CARTIF, o andaluz FIDESOL e ITG, que conta con sedes e infraestruturas na Coruña e Vigo. En conxunto reúnen a máis de 1.700 investigadores, laboratorios especializados distribuídos por todo o territorio e unha ampla experiencia en desenvolvementos europeos relacionados con tecnoloxías de datos e intelixencia artificial.
Dende o ITG explican que “nun contexto no que a OTAN, a Unión Europea e o Goberno de España consideran a IA unha tecnoloxía crítica para a seguridade colectiva, Guardianes nace co obxectivo de reforzar as capacidades nacionais no desenvolvemento de tecnoloxías de IA aplicadas á seguridade nacional”.
A iniciativa abordará catro grandes ámbitos tecnolóxicos: a xestión e xeración de datos de alta calidade para contornas operacionais; o desenvolvemento de novos paradigmas de computación; a investigación en algoritmia avanzada e simulación de escenarios; e o goberno ético e responsable da IA.
Os desenvolvementos validaranse en dous escenarios representativos: unha operación táctica de rescate nunha contorna de contenda multidominio e un sistema intelixente de vixilancia e control de infraestruturas críticas de fronteira.
Cun orzamento global de 5,99 millóns de euros e unha duración de tres anos (2026-2028), o proxecto aspira a incorporar 33 novos doutores, incrementar un 62% as colaboracións con centros e universidades internacionais e aumentar un 31% o número de empresas españolas participantes en consorcios internacionais de defensa.
Ademais do seu impacto científico e tecnolóxico, a rede contribuirá a fortalecer o ecosistema empresarial, especialmente as pemes dos sectores TIC e seguridade, facilitando o seu acceso a plataformas de experimentación, formación especializada e proxectos colaborativos europeos.
