O ITMATI amosa no CITIC o potencial das matemáticas e as tecnoloxías para a mellora das empresas
xoves, 11 de febreiro do 2016
A
Coruña acolle este venres 12 de febreiro a edición XI do Foro de
Interacción Matemática Industria, organizado polo Instituto
Tecnolóxico de Matemática Industrial (ITMATI) e que terá lugar na
sala de conferencias (1º andar) do Centro de Investigación en
Ciencias da Tecnoloxía da Información e as Comunicacións (CITIC)
da Universidade de A Coruña (UDC). Asemade, engadir que colaboran na
posta en marcha desta xuntanza COST
Action Mathematics for Industry Network (MI-NET) e a Facultade
de Informática da UDC. A este foro acudirán representantes das
empresas e plataformas AFI,
CETUS Group, Clúster
da madeira e do deseño de Galicia, Grupo
Prisa, EcoMt e Soltec
Enxeñeiros. Tamén realizará un relatorio o Centro de
Innovación Aeroespacial, no que se subliñará a importancia das
matemáticas neste centro.
No encontro
cuestionaranse temas como se os modelos matemáticos, a estatística
e as técnicas de intelixencia artificial e Big Data
(información masiva) poden axudar á industria a afrontar os seus
retos cotiáns: dende maximizar a produción até achegar un servizo
máis personalizado aos seus clientes. Asemade, amosarase que estas
opcións xa se poden aplicar, polo seu baixo custo, ás pequenas e
medianas empresas.
Neste foro exporanse
casos de éxito, empregaranse algoritmos para realizar análises
financeiras ou para predicir o comportamento de lectores de contidos
dixitais; haberá tamén exemplos de telexestión de locais dispersos
e optimización de procesos produtivos. Con frecuencia, “son o
resultado da colaboración entre distintas empresas e os grupos de
Matemática Aplicada, Estatística e Investigación Operativa do
Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial das tres
universidades galegas”, explica o catedrático de Matemática
Aplicada da UDC e coordinador da xornada, Carlos Vázquez.
No evento falarase da
aplicación de técnicas de intelixencia artificial e de tratamentos
de datos que permitiron con poucos recursos técnicos e baratos (unha
tableta, un móbil...) que máis de 1.800 locais probaran a
telexestión. Deste xeito, grazas ás matemáticas conseguiuse chegar
a instalacións máis pequenas e axudalas a aforrar luz, diñeiro e
persoal.
As técnicas matemáticas
en simulación, o tratamento de gran cantidade de datos, a
estatística e a optimización das variábeis decisivas son un
alicerce para a industria 4.0 e as fábricas do futuro.
No encontro de mañá
tamén haberá tempo para tratar sobre as preocupacións das empresas
asistentes ao evento, que terán a oportunidade de expor os seus
problemas que, nalgúns casos, poderán ser solventados mediante
métodos matemáticos e numéricos, estatística e investigación
operativa: modelado, simulación de procesos e dispositivos,
enxeñaría asistida por computador (CAE), etc.