O ITMATI convoca este venres a especialistas do eido internacional para falar de Big Data na enerxía
xoves, 17 de setembro do 2015
O Instituto Tecnolóxico
de Matemática Industrial, ITMATI,
vai organizar este venres unha xuntanza de intercambio de coñecemento
sobre información masiva no ámbito enerxético. A
Xornada Big Data en Enerxía celebrarse na Facultade de Matemáticas
da Universidade de Santiago. Nela, un bo número de empresas e
equipos de investigación xuntarán forzas para rastrexar e localizar
as amplas oportunidades que achegan as tecnoloxías avanzadas de
almacenamento de información no eido da produción e distribución
enerxética. A xornada, nun plano máis concreto, contará coa
presenza de representantes de Repsol, Hewlett-Packard Enterprise
(HP), EDF-Recherche et Développement, Fridama, Reganosa,
Comanagement Technology, Equs e Nerxus.
Uns e outros amosarán os
últimos avances tecnolóxicos da estatística, a investigación
operativa e a computación, “recursos que poderían liquidar moitos
dos retos aos que se enfronta o sector enerxético do século XXI”,
sinala o ITMATI, un instituto impulsado polas tres universidades
galegas.
Segundo explica acerca
das orixes e dos porqués desta xornada Peregrina Quintela, directora
do ITMATI, o concepto de Big Data céntrase no manexo de cinco
uves: Volume, Velocidade, Variedade, Veracidade e Valor. “Polo
tanto”, engade, “practicamente en todos os sectores hai unha
oportunidade para a innovación”. Na súa opinión, do que se trata
é de “manexar un gran volume de información, separar os datos
relevantes do ruído, procesalos e obter un resultado; un valor que
permita tomar decisións en moi pouco tempo”.
A xornada artéllase ao
redor de oito relatorios e unha mesa redonda. A eficiencia enerxética
en grandes volumes (hospitais, universidades, administración), as
previsións de importación de Gas licuado de Reganosa, as Cidades
Intelixentes, as redes avanzadas ou a optimización matemática no
deseño de plantas solares son algúns dos temas que se presentarán
e avaliarán en detalle.
Contarase con relatores
de prestixio internacional como François Dauphin, asesor da
industria enerxética en Hewlett-Packard Enterprise (HP), que
presentará a liña de traballo de HP en redes eléctricas
intelixentes ou Smart Grid, onde o uso da tecnoloxía informática é
quen de optimizar a produción e a distribución de electricidade
para equilibrar a oferta e a demanda entre produtores e consumidores.
Neste eido centrarase tamén Xavier Brossat, enxeñeiro e
investigador senior na principal empresa de xeración e
distribución eléctrica de Francia: EDF-Recherche et Développement.
A xornada terá lugar na
aula Magna da Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago e
está organizada pola Rede Tecnolóxica de Matemática Industrial
(Rede TMATI): Universidade da Coruña, Universidade de Santiago de
Compostela, Universidade de Vigo, ITMATI (Instituto Tecnolóxico de
Matemática Industrial), Fundación Pública Galega Centro
Tecnolóxico de Supercomputación de Galicia (CESGA); coa
colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación
Universitaria da Xunta de Galicia, o Fondo Europeo, e a Facultade de
Matemáticas da Universidade de Santiago e baixo o patrocinio de
Hewlett-Packard Enterprise.