O ITMATI mostra o potencial das matemáticas para mellorar os hospitais e as telecomunicacións

luns, 22 de xullo do 2019 Fernando Sarasketa

O Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial (ITMATI), entidade participada polas tres universidades galegas e con sede no Campus Vida de Compostela, puxo en marcha esta mañá o primeiro Congreso sobre Transferencia entre Matemáticas e Industria (CTMI 2019), que se desenvolve na Facultade de Matemáticas até o 24 de xullo. Durante o evento, no que participan uns cen expertos de todo o mundo, estanse a presentar os grandes avances actuais das matemáticas e a computación avanzada. Por exemplo, para o deseño de aplicacións que fagan posíbel aforrar millóns de euros nos procesos empresariais. E, para os centros de saúde, mellorar a loxística e a atención.
Entre as investigadoras que participaron hoxe na primeira xornada de actividades, atopábase a galega Peregrina Quintela, presidenta de math-in e directora do ITMATI. Segundo fixo saber sobre os porqués da posta en marcha deste congreso, “botábase en falta un foro onde as empresas tiveran un punto de encontro cos investigadores e puidesen analizar en detalle casos de éxito onde non só se vira o resultado senón tamén como se fixo o proceso”. Segundo dixo, “é importante recoñecer o valor que achegan as matemáticas ás empresas de todos os sectores”, con especial incidencia no sector da enerxía, no de materiais, no biomédico e no das telecomunicacións.

Peregrina Quintela, directora do ITMATI, durante o acto de apertura

Un dos relatores que participa neste congreso é Stefan Nickel, profesor do Instituto de Tecnoloxía de Karlsruhe (Alemaña), experto en loxística vencellada á atención médica, ou sexa, na aplicación de sistemas electrónicos para mellorar a información nos hospitais e volvelos máis eficientes (facer máis cos recursos dos que dispoñen). Segundo fixo saber, “é importante facer fincapé na eficiencia económica, pero tamén ter en conta a calidade da atención e a satisfacción do paciente”, ao que engadiu que “a loxística de atención médica diríxese tanto aos hospitais como aos servizos de atención primaria e aos servizos de urxencias”. Nesta liña, o profesor alemán está a presentar no congreso modelos que inclúen a planificación da localización das ambulancias, dos médicos de cabeceira, a planificación das citas, simulación dos servizos de urxencias, entre outros aspectos de interese.
O ámbito das telecomunicacións está a ser un eido prioritario no CTMI 2019. Neste senso, os investigadores poñen o foco en como xestionar a complexa rede de servidores que permiten que teñamos Internet nos nosos móbiles, agora que tamén hai que incluír o Big Data (información masiva) na devandita ecuación. Un equipo de investigadores húngaros, presentes neste congreso, desenvolveu unha tecnoloxía de Intelixencia Artificial que permitiría detectar os erros e pescozos de botella nestas redes de forma temperá, e responder a eles de maneira automática. O equipo presentou un método de detección de anomalías que non só indica se a observación acha eivas ou non, senón que tamén revela que é exactamente o que fai que sexan consideradas anomalías. “Demostramos a efectividade do método a través dun estudo de caso, onde analizamos unha gran cantidade de datos extraídos dos contadores de rendemento dunha compañía de telecomunicación móbil”, sinalan, engadindo que “estas redes son sistemas complexos pero co procedemento proposto os problemas ocultos pódense illar e indicar ao operador da rede”.
CTMI 2019: retos e obxectivos
A finalidade concreta deste encontro internacional é a promoción e difusión de ferramentas matemáticas xunto ás súas aplicacións industriais. No transcurso do mesmo presentaranse novas liñas de investigación orientadas ás necesidades da industria e da sociedade en xeral, e daranse a coñecer algunhas experiencias singulares de transferencia de resultados á industria. Tamén se porá foco en mostrar como a colaboración entre o mundo académico e a industria permitiu abrir novas liñas de investigación no eido das matemáticas e a súa reflexión en publicacións de impacto internacional.
No marco deste encontro terá lugar unha actividade paralela de divulgación da tecnoloxía matemática á sociedade en xeral. Será o 23 de xullo no Auditorio Abanca de Santiago (rúa Preguntoiro), de 20:00 a 21:00 horas. Antonio Pita Lozano, responsábel global de analítica e consultoría en LUCA, Unidade de Datos de Telefónica, ofrecerá a conferencia Datos e matemáticas. Os propulsores das compañías data driven. Versará sobre o valor da información para as empresas: un activo estratéxico para a transformación dixital. Durante a súa intervención fará un percorrido sobre o reto de sacar rendemento aos datos mediante modelos matemáticos de Intelixencia Artificial e estatística co obxectivo de aumentar os ingresos empresariais, reducir os custos e mitigar os riscos para mellorar a xestión empresarial.
Congreso bianual
A deste mes de xullo en Santiago é a primeira edición deste congreso de transferencia matemática en España, promovido pola Rede Española Matemática-Industria (math-in) e que prevé ter edicións bianuais. O CTMI 2019 é un evento satélite de ICIAM 2019 (International Congress on Industrial and Applied Mathematics), un congreso que se celebra cada catro anos. A anterior edición foi en Pequín e a vindeira terá lugar en Xapón. Este ano celebrarase en Valencia a semana previa ao CTMI 2019 de Santiago -do 15 ao 19 de xullo- e está previsto que asistan máis de 4.000 congresistas.

PUBLICIDADE