O IV Día do Emprendedor dedicarase en exclusiva ás TIC

venres, 8 de maio do 2009 Raquel Noya

Carlos Barrabás, o “gurú de Internet” e creador de Barrabas.com, unha das empresas líderes en temas de montaña na Rede, vai ser o protagonista indiscutible do IV Día do Emprendedor que promove o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e BIC Galicia, e que terá lugar o vindeiro 19 de maio en Santiago de Compostela.
Este pioneiro do comercio electrónico no noso país analizará as posibilidades de negocio que ofrecen as novas tecnoloxías na sesión plenaria do encontro e revelará a súa fórmula segreda para recibir unha media de sete mil visitas diarias na súa web.
O interese deste pioneiro do comercio electrónico por permanecer na pequena vila pirenaica de Benasque, en Huesca, onde dirixía a tenda especializada Barrabás Esquí Montaña, levouno a ofrecer servizos e produtos relacionados co montañismo e o esquí a través de Internet.
Dedicado dende 1996 en exclusiva aos negocios a través da Rede, as súas páxinas reciben dous millóns de consultas mensuais, unha cifra que demostra o éxito acadado por este empresario “virtual” non só en España senón tamén en máis de corenta países de todo o mundo.

Imaxe da pasada edición do evento

Innovación en Galicia

A innovación tecnolóxica vai ser un dos eixes centrais do IV Día do Emprendedor, no que tamén se darán a coñecer iniciativas empresariais de carácter innovador con selo galego.
Deste xeito, na mesa redonda As empresas de base tecnolóxica, moderada polo xerente de Uninova, Gustavo Marcos, daranse a coñecer as experiencias de Neoker e BIt Oceans, dúas empresas de orixe galega creadas en 2003 e 2008 respectivamente que abordarán a termática dos novos materiais por unha banda e das tecnoloxías da información e a comunicación, da man de Bit Oceans, pola outra.
Os relatorios completaranse coa intervención do representante da Consellaría de Traballo, Jorge Barros, quen explicará as axudas que concede a Xunta para a creación e consolidación das denominadas Iniciativas Empresariais de Base Tecnolóxica (IEBTs).

PUBLICIDADE