O Informe Ardán sitúa novamente a EGATEL na cabeza das firmas innovadoras galegas

xoves, 27 de xullo do 2017 Fernando Sarasketa

Na nova edición do Informe Ardán, que avanzamos os días pasados dende Código Cero, incluíronse datos sobre as boas perspectivas de crecemento do noso sector TIC, entre outras cuestións máis xenéricas ou específicas sobre o tecido produtivo galego. Porén, tamén se incluíu (como de costume) unha relación con nomes concretos das empresas que, por sectores, máis pintan na nosa economía. Hai novidades a este respecto no que se refire ao sector TIC? Pois moitas non. Unha vez máis, e xa van tres, a firma ourensá EGATEL, especializada no desenvolvemento de tecnoloxías avanzadas de telecomunicacións (sinal TV e comunicacións vía satélite), foi elixida como a empresa máis innovadora da nosa terra. Exactamente igual có ano pasado.
O top 5 (as cinco firmas con cinco estrelas de recoñecemento no ranking de Innovación establecido no informe) complétano as firmas tecnolóxicas Televés (en segundo lugar), Nanoinmunotech (en terceiro lugar), Nanogap (en cuarto), Optare Solutions (quinta) e Quobis Networks (en sexto lugar).
No informe elaborado polo consorcio da Zona Franca de Vigo en colaboración con REDE (Universidade de Vigo) e a Axencia Galega de Innovación (GAIN) valórase unha vez máis a estratexia empresarial innovadora levada a cabo por EGATEL, sobre todo no que atinxe ao seu afianzamento en mercados estranxeiros, á súa capacidade de evolución e adaptación a novas contornas, ao seu potencial de diversificación e, tamén, á súa aposta continua e firme a prol da I+D+i centralizada na nosa terra. Tamén se tivo en conta, novamente, a capacidade da firma en materia de transferencia de coñecemento en tecnoloxías dixitais e de radiofrecuencia cara a outros sectores.

Presentación do novo Informe Ardán de mans do Consorcio da Zona Franca de Vigo

Como lembraremos, EGATEL dedica máis do 40% do seu persoal de maneira exclusiva a actividades de Investigación, Desenvolvemento e Innovación (I+D+i), principalmente no ámbito das comunicacións por radio frecuencia. Segundo apuntan os responsábeis da compañía galega, o recoñecemento como empresa galega máis innovadora “non é froito da casualidade, senón dun firme compromiso coa excelencia tecnolóxica e constante procura de novas oportunidades de negocio nos sectores”.

PUBLICIDADE