O Instituto Tecnolóxico de Galicia acolle este mes o congreso nacional Net-Zero Mar

mércores, 16 de outubro do 2024 S. P.

A sede na Coruña do Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITIG) acollerá durante os vindeiros 22, 23 e 24 de outubro a 2ª edición do Congreso e Exhibición da Alianza Net-Zero Mar, un evento organizado por ITG e a Fundación Valenciaport que ten como obxectivo avanzar con tecnoloxías intelixentes na descarbonización do sector portuario e do transporte marítimo en España.
Durante dous días e medio, 130 empresas e administracións de toda España debaterán na Coruña acerca das diferentes solucións dispoñíbeis a curto, medio e longo prazo para reducir emisións na actividade portuaria e nos servizos de transporte marítimo. Ademais, profundarase nas diferentes temáticas abordadas durante o último ano nas diferentes mesas de traballo: Descarbonización de buques en navegación; Subministración eléctrica a buques desde porto (sesión na que se presentará o Estudo sobre OPS en portos españois e debaterase sobre as necesidades de potencia e distribución deste subministro); Enerxías renovábeis; Folla de roteiro para a descarbonización do sector; e Descarbonización de terminal portuarias. Finalmente realizarase un achegamento en detalle respecto ao impacto da normativa europea e mundial sobre o sector, a estratexia marítima de España, así como a estratexia de economía azul e o plan de ordenación do Espazo Marítimo.
O obxectivo do Congreso Net-Zero Mar é “crear o lugar de encontro e facilitar o diálogo entre organizacións cun claro compromiso coa descarbonización do sector portuario e do transporte marítimo e dar a coñecer as solucións tecnolóxicas que contribuirán á descarbonización do sector”.
O evento contará cun programa de conferencias e paneis de debate no que participarán representantes de alto nivel de empresas e administracións; unha área de exhibición na que se expoñerán as solucións tecnolóxicas para a descarbonización, deseñadas por empresas punteiras neste ámbito e unha serie de visitas enfocadas ao sector entre as que destacan a visita ao Porto da Coruña, ás instalacións de Navantia FENE e a Galaxy-Lab, o centro de experimentación avanzada en IA de ITG. Entre os relatores que participarán no congreso están o presidente de Portos do Estado, Álvaro Rodríguez; a directora de Mercados de Carbono Europeos da Comisión Europea, Beatriz Yordi; o director xeral da Mariña Mercante, Gustavo Santana; e Benito Núñez, secretario xeral de Transportes Aéreo e Marítimo do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostíbel.
Na actualidade, a Alianza Net-Zero Mar conta con máis de 50 membros de relevancia no sector marítimo portuario entre as que destacan autoridades portuarias, navieiras, terminais, representantes da industria e entidades de investigación.
O centro tecnolóxico ITG, membro da Alianza Net-Zero Mar, lidera ademais a iniciativa ENEPORTS, un consorcio europeo que busca mostrar o papel esencial da dixitalización na descarbonización dos portos e no consumo e xeración eficiente de enerxía verde.
ENEPORTS, onde tamén participan as autoridades portuarias de Ferrol, de Tenerife, Leixões (Portugal) e Galway (Irlanda); a Universidade de Galway; Builders École d’Ingénieurs (Francia) e o Instituto Tecnolóxico e de Energías Renovables de Tenerife, impulsa a creación de tres proxectos piloto, nas dársenas de Ferrol, de Granadilla (Tenerife) e de Leixões (Porto). Estes proxectos piloto serán pioneiros en demostrar como a dixitalización e a IA permiten ás dársenas converterse en plataformas de xeración de enerxía verde a prezos competitivos e en laboratorios de innovación en enerxías renovábeis, posibilitando aos tres portos alcanzar a neutralidade en carbono ao redor de 2035.