O Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial promoveu 30 contratos de transferencia dende a nosa terra
luns, 3 de agosto do 2015
Simulación,
datos masivos (estatística e big data) e optimización foron
as grandes áreas nas que centrou o ITMATI
(Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial) a súa actividade
de transferencia. Así se fai saber na memoria anual de actividades
2014 presentada e aprobada polo consello de goberno do consorcio
ITMATI, instituto galego do que xa temos falado en
Código Cero con motivo das súas xornadas so o potencial numérico
no progreso económico e social, participadas polo CITIC. No
documento presentado agora revélase “un importante medre da
actividade do instituto durante o pasado exercicio”, centrada sobre
sobre todo na promoción da transferencia de tecnoloxía matemática
a partir do coñecemento desenvolvido nas tres universidades galegas
e na achega de respostas eficaces ás demandas das empresas, das
industrias e das entidades públicas.
En termos
concretos, puxéronse en marcha preto de 30 contratos coa
participación directa de 19 empresas e entidades e a colaboración
de máis de 30 entes, ademais de crearse 21 postos de traballo. Así,
dende a constitución de ITMATI (marzo de 2013) promovéronse 7
contratos no marco de convocatorias FEDER Interconecta; 13 de
colaboración tecnolóxica directa con empresas e entidades; un
proxecto estratéxico de consorcios de investigación empresarial
(CEN) xestionado polo Centro de Desenvolvemento Tecnolóxico
Industrial (CDTI); dous proxectos de investigación e de
desenvolvemento individuais (PDI) xestionados por CDTI; dous cursos
de formación; unha Unidade Mixta de Investigación Repsol-ITMATI no
marco da convocatoria da Asociación Galega de Innovación, e un
proxecto competitivo concedido polo Goberno noruegués.
Por áreas
de transferencia, destaca en número a de simulación, con 21
proxectos activos, que superaron o 60% da facturación do centro. A
continuación sitúase a área de optimización con 12 proxectos
activos que representan o 25% da facturación. Finalmente, a área de
estatística/big data conta con 7 proxectos activos, que
supoñen o 14,87%. A tecnoloxía matemática permitiu a ITMATI
resolver problemas “de gran interese en practicamente todos os
sectores industriais”, sinálase no informe do consorcio, onde se
engade que os contratos con maior facturación foron os sectores da
enerxía, materiais, naval e medio ambiente.
A
formalización dos devanditos proxectos achegaron en torno ao 95% dos
ingresos do instituto durante 2014, acadándose os 525.519,35 euros
(excluíndo o IVE). O total de facturación no pasado ano ascendeu a
551.529,35 euros.
Ademais,
o ITMATI participou na organización de numerosos eventos. Entre eles
salientan cinco iniciativas específicas de interacción
matemática-industria ou accións internacionais como os dous
proxectos no ámbito metalúrxico co Instituto de Investigación
Teknova AS (Noruega). Con estas e outras accións, sinalan fontes do
consorcio galego, “divulgouse a capacidade transversal das
matemáticas a empresas e organizacións de diferentes sectores
produtivos,e facilitouse, dinamizouse e fomentouse o coñecemento da
utilidade destas tecnoloxías, con especial énfase nas PEME e na
sociedade, para que actúen como elemento innovador da innovación na
industria, e esperten o seu interese”. Dende o centro, ademais,
mantivéronse contactos bis a bis con empresas e organizacións,
accións que difundiron tanto en medios de comunicación
convencionais e dixitais, así como nas principais redes sociais
(Twitter, LinkedIn) e no espazo web de seu, itmati.com.