O Instituto de Física e Ciencias Aeroespaciais da UVigo convértese en operadora de drons autorizada da AESA
venres, 13 de decembro do 2024
Dende a Agencia Estatal de Seguridad Aérea (AESA) veñen de nomear ao Instituto de Física e Ciencias Aeroespaciais (IFCAE) da Universidade de Vigo (Uvigo) como operadora de drons autorizada, ampliando deste xeito as súas capacidades. Emporiso, esta autorización, acadada en colaboración coa Vicerreitoría de Investigación, Transferencia e Innovación da UVigo, permitiralle “desempeñar un rol destacado no desenvolvemento e a expansión de actividades de investigación e transferencia con vehículos aéreos non tripulados”.
No IFCAE, os profesores Higinio González e Fernando Veiga, líderes do Laboratorio de Sistemas Aeroespaciais e de Transporte (Aerolab) da UVigo, serán os responsábeis da administración da operadora. “Este grupo de investigación especializouse na robótica aérea e no desenvolvemento de tecnoloxías vinculadas aos drons. Grazas á súa experiencia e coñecemento neste ámbito, poderemos xestionar e optimizar o uso dos drons para os múltiples proxectos nos que o instituto participa”, sinalan os profesores. Os pilotos autorizados, encargados da operación directa dos drons, serán Eduardo Ríos e Gabriel Fontenla, membros tamén do IFCAE e de Aerolab. “Eles recibiron formación especializada e contan coa certificación requirida para pilotar as aeronaves, o cal garante a seguridade e a eficiencia en cada unha das misións que se realicen”, apuntan desde o instituto.
Cómpre subliñar que a operadora conta xa cunha frota de drons que permite abranguer diferentes casos de uso en múltiples sectores. Algúns dos eidos nos que se centrará van desde a súa organización, inclúen a monitoraxe agrícola, forestal, mariña e de procesos de construción. Segundo detallan, no sector agrícola, estas aeronaves permiten unha observación polo miúdo e en tempo real dos cultivos, facilitando a detección temperá de doenzas, a avaliación de necesidades de rega ou a optimización de recursos. No ámbito forestal, estes vehículos non tripulados son ferramentas “valiosas para a vixilancia de áreas boscosas e a detección de incendios ou de cambios na masa forestal” e no sector mariño “poden realizar monitoreos na costa ou en espazos de difícil acceso, colleitando datos ambientais relevantes para o estudo de ecosistemas e a protección da biodiversidade”.
Alén destes usos, a operadora do IFCAE tamén realizará ensaios en tarefas loxísticas, que representan unha área emerxente no uso de aeronaves non tripuladas para o transporte de materiais. “A loxística con drons promete ofrecer solucións rápidas e eficientes en lugares de difícil acceso ou en situacións de emerxencia”, afirman. Neste senso, o equipo de Aerolab está a desenvolver aplicacións innovadoras no ámbito da robótica aérea, buscando integrar a intelixencia artificial nos drons para que poidan tomar decisións autónomas e mellorar a súa capacidade de resposta en distintos escenarios.
A consecución desta acreditación, comentan desde o IFCAE, “representa unha notábel consolidación das capacidades do instituto no eido da tecnoloxía aeroespacial e no emprego de drons en sectores definitivos para a economía e a competitividade”. Acadar ser operadora, indican, “marca un fito para nós e para o campus de Ourense, reforzando as actividades de investigación e desenvolvemento de tecnoloxías aeroespaciais” e consolida ao grupo Aerolab “como un referente no sector”.