O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia súmase á campaña Dixitalización no traballo

luns, 20 de outubro do 2025 Redacción

O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) participa un ano máis na Semana Europea para a Seguridade e a Saúde no Traballo, que se desenvolve do 20 ao 26 de outubro, coa posta en marcha de diferentes actividades e accións de divulgación vinculadas á campaña promovida pola Axencia Europea para a Seguridade e a Saúde no Traballo (EU-OSHA), baixo o lema do período 2023-2025 Traballos seguros e saudables na era dixital.
Como membro da Rede Española de Seguridade e Saúde no Traballo (RESST) e órgano técnico da Xunta de Galicia en materia de prevención de riscos laborais, o Issga enmarca nesta iniciativa europea varias xornadas e accións de sensibilización centradas nos novos desafíos da dixitalización e da intelixencia artificial no ámbito laboral.
Así, mañá celebrarase a xornada técnica en formato webinar Intelixencia artificial, dixitalización e PRL: cara a traballos máis seguros e saudables, centrada en identificar e abordar os riscos emerxentes asociados á dixitalización, así como en promover boas prácticas que contribúan a deseñar contornas laborais dixitais máis seguras, saudables e humanas. A actividade busca fomentar unha reflexión crítica e ofrecer ferramentas prácticas que axuden a adaptar a prevención de riscos aos novos escenarios laborais.
Pola súa parte, o xoves 23 de outubro, en formato presencial, organizarase no centro Issga de Pontevedra a xornada técnica Dixitalización no traballo: traballos seguros e saudables na era dixital, que servirá tamén para presentar (no marco desta Semana Europea) o novo documento técnico do mesmo título.
Este material afonda nos impactos da dixitalización no ámbito laboral e recolle propostas para anticipar e xestionar os novos riscos que xorden co uso das tecnoloxías dixitais. Entre eles salientan o tecnoestrés, a tecnoadicción, a tecnofobia, o aillamento social derivado do traballo remoto, a sobrecarga laboral ou a inseguridade profesional. Tamén se analizan as consecuencias do uso intensivo de ferramentas dixitais, que pode agravar determinados problemas ergonómicos e psicosociais, ademais de plantexar novos retos éticos vinculados á privacidade e á protección de datos das persoas traballadoras.

Outras campañas de difusión

Xunto con estas actividades, o Issga tamén reforzará durante esta semana a difusión doutras campañas de sensibilización relacionadas coa temática da dixitalización, como Emprego de dispositivos electrónicos portátiles (centrada en advertir sobre os riscos ergonómicos derivados do uso prolongado destes equipos, como posturas forzadas, movementos repetitivos ou fatiga visual) e Teletraballa con prevención (que recolle recomendacións e medidas preventivas para desenvolver o traballo a distancia nas mellores condicións de seguridade e saúde).
Coincidindo con esta semana, o Issga colabora tamén noutras actividades, como a xornada Traballo seguro no sector da construción, que se celebra hoxe en Bilbao, ou a participación no seminario organizado por Lugomadera A vixilancia e a saúde na actividade forestal, que terá lugar o 22 de outubro no centro do Issga en Lugo.