O Investigador da UDC Guillermo Lorenzo obtén unha bolsa Starting Grant de 1,5 millóns para DIGIPRO
venres, 5 de setembro do 2025
O Consello Europeo de Investigación (ERC, polas súas siglas en inglés) seleccionou ao investigador da UDC, Guillermo Lorenzo, polo seu proxecto DIGIPRO, para o que recibirá unha das súas prestixiosas bolsas Starting Grant, por importe de 1,5 millóns de euros. DIGIPRO, liderado por Lorenzo, está centrado no desenvolvemento dunha nova clase de modelos computacionais que permitan avances nos diagnósticos, esencialmente nunha detección moi temperá da progresión do cancro.
En concreto, o proxecto DIGIPRO busca desenvolver “unha nova clase de modelos computacionais para investigar os mecanismos biofísicos que gobernan a progresión do cancro a diferentes escalas espaciais, dende o nivel microscópico de tecido ao nivel macroscópico do órgano afectado”.
Ademais, DIGIPRO desenvolverá xemelgos dixitais de pacientes de cancro equipados con estes modelos para obter predicións personalizadas da progresión tumoral que permitan a detección deste fenómeno nunha fase microscópica temperá empregando datos macroscópicos habituais en ámbito clínico (por exemplo, resonancias magnéticas, biomarcadores clínicos).
“As tecnoloxías computacionais que se deseñarán en DIGIPRO permitirán predicir de forma personalizada cando un paciente pode ter un evento de progresión tumoral, o cal é crucial para a toma de decisións clínicas (por exemplo, cando realizar probas ou a selección de tratamentos)”, salientan dende a UDC, engadindo que o proxecto centrarase na progresión de cancro de próstata de nova diagnose e risco favorable, para o que o seguimento clínico inclúe abundantes datos micro e macroscópicos.
A previsión é que os resultados do proxecto poidan aplicarse tamén a outros tipos de tumores.
Segundo recalca a UDC, os achados sobre a bioloxía da progresión tumoral e as tecnoloxías de predición personalizada que se desenvolvan no proxecto “poden supoñer un cambio de paradigma na xestión clínica de tumores no futuro, pasando do estándar actual de tipo observacional e baseado en datos poboacionais a unha nova estratexia preditiva e personalizada para o cancro de cada paciente”. Ademais, os modelos biomatemáticos e tecnoloxías computacionais do proxecto tamén poden axudar na investigación doutros fenómenos progresivos multiescala en medicina, como o alzhéimer e a arteriosclerose, e en enxeñaría, como a fractura.
Destacada traxectoria na aplicación das matemáticas
Guillermo Lorenzo é enxeñeiro de Camiños, Canais e Portos pola Universidade da Coruña (UDC), onde obtivo tamén un mestrado en Investigación en Enxeñaría Civil e o doutoramento na área de Métodos Computacionais en Enxeñaría. A súa carreira académica continuou en institucións de prestixio internacional, como a Universidade de Pavia (Italia), a Universidade de Texas en Austin (EEUU) e o Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela. Dende 2024 regresou á UDC, onde é investigador Ramón y Cajal no Grupo de Métodos Numéricos en Enxeñaría (GMNI) do Departamento de Matemáticas e con sede na Escola de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos da UDC. Grazas a este prestixioso contrato do Ministerio de Ciencia, lidera un equipo de investigación en oncoloxía computacional dentro do GMNI, adscrito ao Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñería Civil (CITEEC). Ademais, é colaborador externo no Oden Institute for Computational Engineering and Sciences da Universidade de Texas en Austin (EEUU), onde colabora cos grupos dos profesores Thomas E. Yankeelov e Thomas J. R. Hughes.
Tal e como explica o propio Guillermo Lorenzo, a obtención dunha Starting Grant do ERC constitúe “un impulso decisivo para a miña traxectoria investigadora”, xa que permite consolidar un equipo propio, dispoñer dos recursos necesarios para desenvolver o proxecto e avanzar na carreira científica. Na preparación da proposta, salientou o apoio prestado polas Oficinas de Captación de Persoal Investigador (OCPI) e de Proxectos Internacionais (OPI) da UDC, tanto na revisión da documentación como na preparación da entrevista, así como os servizos de apoio á preparación de propostas do programa Oportunius da Xunta de Galicia, que resultaron determinantes para acadar este importante recoñecemento.
