O Kit Dixital destinou 203 millóns á dixitalización das nosas pemes e autónomos

luns, 29 de decembro do 2025 S. P.

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, fixo este luns 29 de decembro balance da acción do Goberno de Pedro Sánchez ao longo deste ano 2025 na comunidade. O delegado puxo en valor diversas medidas que están a ter un impacto directo na vida cotiá da cidadanía como a suba do salario mínimo, a revalorización das pensións, as bolsas de estudo para a mocidade, os descontos no transporte público, o apoio á dependencia ou o reforzo do escudo social. Tamén puxo o foco na transformación enerxética e dixital da nosa terra e nos recursos que o Executivo mobiliza para impulsar este proceso. Amais salientou o importante labor despregado polas axudas do Kit Dixital, que permitiron destinar 203 millóns de euros á dixitalización das pemes e persoas autónomas da nosa terra.
O delegado salientou que neste ano a piques de rematar, Galicia contou con máis recursos que nunca, superando os 14.000 millóns de euros, unha cifra récord que supón “14.000 millóns de oportunidades para crecer, reforzar o tecido produtivo e garantir que o progreso económico vaia sempre da man da xustiza social”.
Pedro Blanco lembrou que en sete anos de Goberno de Pedro Sánchez, Galicia recibiu un 40 % máis de recursos para financiar servizos públicos que nos sete anos de Rajoy, cunha diferenza de 18.284 millóns de euros máis. “Esa é á verdadeira comparación entre recortar e protexer, entre abandonar Galicia ou apostar por ela con feitos”, indicou.
Blanco incidiu en que Plan de Recuperación está “a impulsar con forza a economía galega cun apoio sen precedentes ao tecido produtivo”. En total, lembrou, Galicia recibiu xa máis de 4.300 millóns de euros, dos cales 2.513 millóns foron executados directamente pola Administración Xeral do Estado. Preto do 80 % dos beneficiarios son pemes e persoas autónomas, “o que confirma que os fondos europeos están a chegar á economía real e ao emprego”, dixo, sinalando que un dos piares desta transformación son os PERTE industriais, que mobilizan centos de millóns de euros en sectores estratéxicos. Por exemplo, no caso do PERTE do Vehículo Eléctrico e Conectado (VEC), Galicia recibiu 143 millóns de euros, dos que 56,4 millóns corresponden a Stellantis e 42,2 millóns ao Plan MOVES III, con 10.977 beneficiarios. A isto súmanse os PERTE da economía circular, agroalimentario, naval ou aeroespacial, que “reforzan cadeas de valor clave para o futuro industrial do país”, engadiu.
O delegado informou de que desde 2019, o Ministerio de Industria e Turismo investiu en Galicia 2.290 millóns de euros, un 318 % máis que nos sete anos do Goberno do PP, consolidando unha etapa de reindustrialización, innovación e modernización empresarial. Ademais, explicou, “ferramentas como o Kit Dixital permitiron destinar 203 millóns de euros á dixitalización de pemes e persoas autónomas, con 49.728 concesións e 177.988 beneficiarios, mellorando a competitividade e a produtividade do tecido produtivo galego”.
Ademais, fixo fincapé no impulso á industria da defensa e seguridade, “con investimentos históricos que xeran emprego estable e de calidade”, como os máis de 8.700 millóns en Navantia. A este pulo súmanse tamén empresas galegas do sector da defensa como UROVESA, que nos últimos anos asinou contratos por máis de 170 millóns.
Pedro Blanco insistiu en que Galicia “está avanzando na modernización das súas infraestruturas con investimentos sen precedentes”. Así, indicou que o Ministerio de Transportes destinou á comunidade máis de 3.500 millóns nos últimos anos, “superando amplamente os niveis de investimento dos gobernos anteriores”.
No ámbito da transición verde, lembrou que “Galicia conta con centos de millóns de euros para enerxías renovables, hidróxeno verde e eficiencia enerxética”. Só en rehabilitación residencial e eficiencia enerxética, destínanse 233 millóns a través de diferentes programas. En paralelo, a dixitalización avanza cun incremento do 643 % do investimento en transformación dixital e función pública, que alcanza os 784,8 millóns de euros, impulsando a conectividade en toda a comunidade con mecanismos como o Plan ÚNICO e favorecendo a administración dixital e a modernización dos servizos públicos.