O Kit de Activación Dixital da Coruña encara a elaboración da súa guía definitiva

venres, 2 de marzo do 2018 Redacción

O Kit de Activación Dixital da Coruña está a comezar unha nova e importante andaina, no camiño de achegarse o máximo posíbel á cidadanía e ao seu importante potencial creativo (o seu obxectivo fundamental). O kit, posto en marcha polo Concello para atender a demanda dos axentes sociais e culturais de ferramentas accesíbeis que favorezan a creación e distribución de contidos, estivo os días pasados aberto á participación directa da veciñanza. Até o día 28 de febreiro, de feito, recolleuse un importante feixe de contribucións educativas, sociais e artísticas, sobre todo da man de persoas con experiencia en narrativas dixitais, audiovisuais e tecnolóxicas. Con elas, elaborarase un documento, que será tamén descargábel en PDF, e que será a guía metodolóxica final, á que poderán acceder todos os usuarios do kit.
Segundo informa o Concello, está previsto que a guía se incorpore á web a mediados deste mes de marzo e que as persoas que sigan querendo compartir un proxecto, así como trasladar ideas, suxestións ou dúbidas, poidan seguir facéndoo (xa que o formulario online, que até o de agora se podía atopar no apartado de Achegas, manterase operativo nese mesmo espazo).
Para quen non o saiba, o Kit de Activación Dixital é unha guía e un punto de encontro entre “persoas que fan e persoas que queren facer”, en palabras de Coruña Dixital, que engade que o proxecto pon en común experiencias, retos e recursos cos que poder expandir novas prácticas culturais e activistas a través da creación audiovisual e a comunicación dixital, “pensando especialmente nas aulas de ensino (formal ou non) e nos espazos culturais de proximidade, pero tamén en asociacións veciñais, culturais ou vinculadas a colectivos específicos”.
O Kit de Coruña Dixital está dispoñíbel para o público dende o 3 de febreiro. Detrás deste proxecto atópanse as seguintes entidades e colectivos: Coruña Dixital (Concello da Coruña), Gingko e La Mujer Forzuda.

PUBLICIDADE