O Kobo Clara HD proponse como unha boa alternativa ao Kindle Paperwhite

martes, 29 de maio do 2018 Marcus Fernández

O vindeiro 5 de xuño sairá á venda en España o lector de libros electrónicos Kobo Clara HD, que xa pode reservarse a un prezo de 129,99 euros, converténdose nunha alternativa moi interesante ao Kindle Paperwhite, especialmente para usuarios que non queren atarse aos servizos de Amazon. Aínda que pode parecer que este produto de Kobo ten o mesmo prezo que o de Amazon, é lixeiramente máis barato, xa que de serie non inclúe publicidade, mentres que os Kindle teñen un prezo superior de mercarse sen ofertas especiais.
Este eReader ten unha pantalla de 6 polgadas con tecnoloxía Carta E-Ink cunha resolución de 300 puntos por polgada con iluminación ComfortLight PRO (que reduce a exposición á luz azul para unha lectura máis cómoda), unhas dimensións de 159,6 x 110 x 8,35 milímetros e un peso de 166 gramos. O dispositivo pode ler documentos en numerosos formatos (EPUB, EPUB3, PDF, Mobi, JPEG, GIF, PNG, BMP, TIFF, TXT, HTML, RTF, CBZ e CBR) que poden almacenarse nos 8 GB de almacenamento interno e que conta con conectividade tanto micro-USB como Wi-Fi N.
O lector de libros electrónico pode sincronizarse coa aplicación móbil de Rakuten Kobo (con acceso a un catálogo de máis de 5 millóns de títulos), de xeito que poden continuarse as lecturas no smartphone ou na tableta no punto onde se deixaron.

Vídeo promocional do Kobo Clara HD

PUBLICIDADE