O #LAIC achegará recursos ao ciberactivismo para combater os discursos online do odio

xoves, 16 de xaneiro do 2020 Fernando Sarasketa

O #LAIC, o laboratorio de experimentación cidadá tecnolóxico-audiovisual impulsado por Coruña Dixital (Concello da Coruña) vén con importantes novidades co arranque de 2020. Sen ir máis lonxe, este mes de febreiro dará acollida a un taller de innovación narrativa para ciberactivistas da man de Ciberespect, o programa da organización non gobernamental Ecos do Sur, dirixido a “combater o discurso de odio (xenófobo, racista, islamófobo, misóxino, aporofóbico, etc,…) en Internet”.
Segundo engade Coruña Dixital, traballarase sobre a base de asumir a dupla vertente das redes sociais: por unha banda son unha canle de difusión, pero, pola outra, poden ser ferramentas para desactivar a información negativa, da crispación e da xenreira. “A cuestión”, explican, “é como aproveitar as potencialidades do entorno dixital para evitar que este discurso excluínte, e mesmo agresivo, se apropie dos espazos dixitais”.
Neste laboratorio, que se vai desenvolve os martes 4, 11 e 18 de febreiro no Centro Ágora da Coruña, abordarase esta cuestión desde “unha perspectiva conceptual con desenvolvementos prácticos, nos que as participantes construirán colectivamente novos relatos e deseñarán accións concretas para a comunicación de causas sociais”. O programa a seguir será o seguinte:
· Redes sociais, desinformación e ciberactivismo: tecnoloxía da persuasión, Hate Speech, estratexias contra o ciberodio e os rumores, detección de fakes en RRSS e casos prácticos.
· Innovación narrativa: narrativas discriminatorias (que son e que efectos teñen), como impulsar a transformación social a través de narrativas innovadoras, teoría de marcos mentais e storytelling, estratexias de comunicación dixital aplicadas á difusión de narrativas e xeración de accións colaborativas.
· Maduración de propostas: formatos innovadores: gamificación, storydoing, mercadotecnia de guerrilla.
O laboratorio de Ciberespect inclúe ademais unha aula virtual para o acompañamento en liña do alumnado nas intervencións de ciberactivismo que desenvolva. Esta actividade, que pode ser de especial interese para persoas relacionadas co ámbito da comunicación e das entidades sociais, ten prazas limitadas.

PUBLICIDADE