O LAIC da Coruña presenta a súa programación de outono

mércores, 13 de setembro do 2017 Marcus Fernández

Esta tarde desenvolveuse o 2º encontro aberto coas comunidades #LAIC no centro de coworking Accede Papagaio, nun acto no que estiveron presentes o concelleiro de Culturas Deporte e Coñecemento da Coruña, José Manuel Sande, o coordinador do programa Coruña Dixital, Sergio Lago, e a responsable de LAIC, María Yáñez, nunha cita na que pretendían tanto retomar o contacto con participantes do novo Laboratorio Audiovisual de Innovación e Creación (LAIC) como para dar a coñecer a súa programación para os vindeiros meses.
As actividades que xa se atopan programadas son as seguintes:
- Como publicar contidos audiovisuais con licenzas libres: un obradoiro impartido por Jorge Lama sobre licenzas Creative Commons. Desenvolverase no 5 de outubro de 19:00 a 20:30 horas en Accede Papagaio.
- Como profesionalizar a túa canle de YouTube: seminario impartido por un par de profesionais da axencia de representación de talentos dixitais 2btube e polo booktuber lugués Sebas G. Mouret. Terá lugar o 19 de outubro de 16:00 a 20:00 horas en Accede Papagaio.
- Supercine: Taller de Cinema Crowd: achegamento ao movemento colaborativo por parte de Miguel Ángel Rolland, que está dirixido a cineastas e produtores audiovisuais con proxecto. Terá lugar o 21 de outubro de 10:30 a 20:00 horas no Centro Cívico da Cidade Vella.
- Laboratorio Transmedia A Coruña Rebelde: Arquivatón. Esta iniciativa procurará recompilar, dixitalizar e publicar 50 elementos en Archive.org baixo o lema A Coruña rebelde para poder conseguir así crear unha colección sobre ese tema aproveitando a celebración do Día Internacional do Patrimonio Audiovisual. Desenvolverase no Quiosco Alfonso o 27 de outubro de 17:00 a 20:00 horas e o 28 de outubro de 10:00 a 14:00 horas.
- Aventuras dunha youtuber legal: Bárbara Román e José Manuel Sendín de NoLegalTech falarán da súa guía legal para youtubeiros o 2 de novembro de 19:00 a 20:30 horas en Accede Papagaio.
- Laboratorio Transmedia A Coruña Rebelde: Hackatón. Desta volta realizarase un obradoiro de realidade aumentada co material arquivado no repositorio A Coruña rebelde. Quérese crear un prototipo de aplicación para móbiles e tabletas que poida acceder aos materiais de xeito xeolocalizado, relacionando cada arquivo con espazos reais a través da cámara do móbil. Tamén realizarase un webdoc cun mapa interactivo que comparta os mesmos materiais. Esta actividade organizada en colaboración con Bermudas.land terá lugar o 3 de novembro de 16:00 a 20:00 horas e o 4 de novembro de 10:00 a 20:00 horas no Centro Ágora.
- Novos modelos profesionais para o audiovisual: trátase dun encontro para presentar novas oportunidades que abre a Internet ao sector audiovisual, e que está organizada en colaboración coa Academia Galega do Audiovisual. Terá lugar o 9 de novembro de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas nun lugar por determinar.
- Taller de narrativas populares contemporáneas: obradoiro teórico-práctico impartido por Felipe G. Gil e Lucas Tello de Zemos98 que permitirá coñecer e experimentar con novas narrativas audiovisuais baseadas en microformatos (GIF, memes, emoticonas, historias efémeras...). Terá lugar o 18 de novembro de 10:30 horas a 14:00 horas e de 16:00 horas a 20:00 horas no Centro Cívico da Cidade Vella
- Laboratorio de Creación de Videoxogos: xornada para idear e prototipar proxectos, organizada en colaboración co Monkey Laboratory, e que terá lugar no Centro Cívico da Cidade Vella o 24 de novembro de 16:00 a 20:00 horas.

PUBLICIDADE