O LG G3 comezará a súa actualización a Lollipop esta semana

luns, 10 de novembro do 2014 Marcus Fernández

A nova versión de Android, Lollipop, está a ser moi agardada polos usuarios de dispositivos actuais, polas súa agardadas melloras de rendemento, estabilidade e seguridade e, como non, por incluír soporte oficial da lingua galega, e aínda que polo momento só está dispoñible para uns poucos trebellos da familia Nexus, algúns fabricantes están a tomarse a actualización dos seus móbiles insignia moi en serio, e adiantan á competencia a este respecto, como LG que esta semana vai estrear Android 5.0 nos seus LG G3, comezando por Polonia, e continuando despois polo resto de mercados.
LG sería así o primeiro fabricante global de móbiles en ofrecer a actualización a Lollipop en 2014, xa que a meirande parte de fabricantes que anunciaron que adoptarán o novo sistema nos seus dispositivos máis representativos teñen fixado o comezo das actualizacións no mes de xaneiro de 2015.
Un dos factores que fan evidente que LG teña interese na adopción de Android 5.0 nos seus principais smartphones é que tamén potenciará o uso doutros accesorios como os reloxos LG G Watch e LG G Watch R, que poderán empregarse como chaves para desbloquear o teléfono, de xeito que os smartphones con Lollipop non requirirían chaves de desbloqueo de estar nas proximidades dun smartwatch rexistrado previamente, reducindo considerablemente a fricción do uso do terminal.

PUBLICIDADE