O LG Q7 terá resistencia á auga

luns, 21 de maio do 2018 Marcus Fernández

Comezamos o mes coa presentación do LG G7 ThinQ, pero este smartphone surcoreano está dentro da gama alta, espazo no que LG ten bastante complicado tomar posicións ante a elevada competencia, de aí que veñan de presentar un teléfono que posiblemente vaia ter unha presenza comercial moi superior ao estar situado na gama media: o LG Q7.
Ao igual que o LG Q6 sorprendera incluíndo pantalla FullVision (ou sexa cunha relación de aspecto de 18:9, algo pouco frecuente na súa gama hai un ano), o LG Q7 baséase no mesmo principio, e chegará cunha pantalla de 5,5 polgadas cunha resolución de 2.160 x 1.080 píxeles, procesador de 8 núcleos, Wi-Fi N, Bluetooth 4.2, NFC, USB-C, lector de pegadas dixitais radio FM e resistencia ao po e á auga (IP68) que chegará en tres configuracións de memoria e cámaras, con cadanseu nome de modelo.
Así, o LG Q7+ sería o modelo máis completo, con 4 GB de RAM, 64 GB de almacenamento (ampliable mediante tarxetas de memoria de até 2 TB), cámara traseira de 16 Mpíxeles, cámara frontal de 8 ou 5 Mpíxeles e Quad DAC de alta definición.
O LG Q7 baixaría a súa configuración a 3 GB de RAM, 32 GB de almacenamento interno (ampliable con tarxetas de memoria de até 2 TB), cámara traseira de 13 Mpíxeles e cámara frontal de 8 ou 5 Mpíxeles; mentres que o modelo máis básico, o Q7α, na súa cámara frontal só contaría con cámara de 5 Mpíxeles.
As cámaras frontasi de 5 Mpíxeles desta familia de móbiles destacaría por ser de super grande angular (recollerían na imaxe 100 graos) e estes móbiles tamén contarían con modo retrato na cámara frontal, ou sexa, que poderían captar caras desenfocando o fondo, atendendo as tendencias do mercado.
Aínda non sabemos cando chegarán estes móbiles ao mercado español, pero debería estar dispoñible en poucas semanas a un prezo moi axustado, facendo máis accesible ao público prestacións como a resistencia á auga e os pagamentos móbiles mediante NFC, que poden ser elementos decisivos á hora de adquirir un smartphone dun fabricante surcoreano fronte a un móbil chinés.

A familia de móbiles LG Q7 chegará ao mercado en distintas cores

PUBLICIDADE