O LG Velvet será o vindeiro móbil insignia de LG

martes, 28 de abril do 2020 Marcus Fernández

Aínda que LG non presentará oficialmente o seu novo LG Velvet até o 7 de maio, non quixo agardar para dar a coñecer as súas especificacións en Corea do Sur, de xeito que o novo smartphone insignia de LG xa non oculta sorpresas.
O LG Velvet é principalmente unha renovación estética moi necesaria para captar a atención, destacando especialmente a configuración da cámara traseira tripla do terminal, que presenta cada obxectivo nun orificio independente, deseño que claramente permitirá identificar a este futuro teléfono que, por outra banda, inclúe unha cámara frontal agochada nun pequeno orificio superior central.
O novo smartphone chegará cunha pantalla de 6,8 polgadas Cinema FullVision, procesador Qualcomm Snapdragon 765, 8 GB de RAM, 128 GB de almacenamento, cámara traseira tripla cun sensor principal de 48 Mpíxeles, cámara frontal de 16 Mpíxeles, conectividade 5G, compatibilidade con pantalla secundaria e lapis dixitalizador, resistencia á auga e ao po e batería de 4.300 mAh, ou sexa, unhas características propias de smartphones 5G de gama media (moi semellante ao Mi 10 Lite Zoom Edition e o Realme X50m 5G, con prezos de venda de pouco máis de 300 euros), polo que LG terá bastantes dificultades para vendelo como se fose un gama alta, o que semella que é a intención do fabricante surcoreano.

PUBLICIDADE