O LIES_GA organiza unha charla en liña sobre ciberriscos para fortalecer a seguridade dixital

luns, 26 de xaneiro do 2026 S. P.

O Laboratorio de Innovación e Economía Social de Galicia (LIES_GA) organiza esta semana unha charla en liña para favorecer na sociedade galega a cultura da protección tecnolóxica. Trátase da sesión Ciberseguridade na economía social: protexendo o futuro dixital – Ciberriscos: a que nos enfrontamos, programada para o 29 de xaneiro, de 10.00 a 12.00 horas.
A actividade está orientada a identificar e comprender os principais riscos dixitais aos que se enfrontan as entidades da economía social, así como a ofrecer ferramentas prácticas para a súa prevención.
Ao longo da sesión trataranse cuestións como o concepto de ciberrisco, as ameazas máis frecuentes, os factores de risco específicos, a análise de casos reais e os tipos de incidentes de seguridade máis habituais, xunto con boas prácticas para actuar ante eles.
A charla será impartida por David Barros, consultor de ciberseguridade en DooingIT Ciberseguridad, SL, con formación superior en desenvolvemento de aplicacións, especialización en ciberseguridade polo Instituto San Clemente de Santiago de Compostela e certificación como hacker ético (CEH – EC-Council). Desde 2022 desenvolve tarefas de consultoría, apoio técnico e concienciación en ciberseguridade para distintos públicos.
A sesión está dirixida a cooperativas, empresas de economía social e entidades con impacto, con especial atención ás organizacións situadas no rural e aos colectivos con maior risco de fenda dixital, co obxectivo de contribuír a unha transformación dixital segura, sostible e inclusiva.
Esta actividade forma parte do programa de actuación 2025–2026 da Rede Eusumo, unha rede de colaboración impulsada pola Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración para o fomento do cooperativismo e da economía social, e conta co financiamento do Ministerio de Traballo e Economía Social.