O Lab Barbanza de Boiro acolle dous obradoiros sobre emprendemento no marco do Rede Coworking Fest

xoves, 12 de setembro do 2024 S. P.

O espazo de traballo colaborativo (coworking) e innovador Lab Barbanza do Concello de Boiro acollerá os vindeiros 16 e 17 de setembro actividades no marco do Rede Coworking Fest da Rede Provincial de Coworkings da Coruña. En concreto, desenvolveranse no coworking boirense uns obradoiros de estimulación do espírito emprendedor e de xeración e maduración de ideas de negocio.
A primeira das actividades, encamiñada á estimulación do espírito emprendedor, desenvolverase o luns 16 de setembro ás 10.00 horas e vai versar sobo as motivacións e límites para emprender, as claves do éxito dunha persoa emprendedora e os mitos arredor do emprendemento.
O outro dos obradoiros que se vai desenvolver é de xeración e maduración de ideas de negocio para aprender a, unha vez analizado o perfil emprendedor, analizar a viabilidade dunha idea de negocio. Durante a actividade daranse a coñecer fontes de ideas e ensinarase a utilizar o método Canvas para analizar a viabilidade dunha idea.
Esta iniciativa, na que participan todos os espazos coworking da Rede Provincial de Coworkings, ten como obxectivo fomentar o emprendemento local e dar a coñecer a propia rede e os 11 centros que a forman, fomentar as sinerxías e redes de contacto que permitan medrar ás empresas.
Todos os eventos son gratuítos e abertos ao público xeral. As inscricións e a programación completa das actividades programadas en todos os centros están dispoñíbeis na web da Rede Provincial.