O Lab Barbanza loce espírito innovador ante o alcalde de Boiro a deputada de Emprego

mércores, 25 de setembro do 2024 S. P.

O alcalde de Boiro, José Ramón Romero, e a deputada da área de Emprego da Deputación da Coruña, Rosa Ana García, visitaron na mañá deste 25 de setembro o espazo local de traballo colaborativo (coworking) Lab Barbanza, impulsado pola Administración boirense e integrado na Rede Provincial de Coworking. A visita tivo o obxectivo de coñecer os proxectos emprendedores que están a desenvolver a actividade no centro.
Durante a xornada visitaron as instalacións do Centro de Formación e Viveiro de Empresas, onde se alberga o espazo de coworking, un centro multidisciplinar no que se imparten formacións e outras actividades relacionadas co emprego e o emprendemento.
“Buscamos que este centro sexa un lugar de referencia para o emprego e o emprendemento na comarca xa que temos as instalacións que nos permiten crear sinerxías entre formación e emprego”, afirmou o alcalde.
Na xuntanza tiveron oportunidade de coñecer algúns dos proxectos que están a desenvolver a súa actividade no Lab Barbanza e entre as que se atopan unha startup con enfoque tecnolóxico para a monitoraxe de datos; unha empresa que conecta a titulares de espazos publicitarios con empresas que buscan oportunidades para anunciarse; e un proxecto que busca dar unha solución e unha segunda vida ás algas converténdoas en extractos para o seu uso como bioestimulantes.
A deputada agradeceu ás empresas pola súa implicación nos proxectos que están a desenvolver: “Para nós é moi importante coñecer ás empresas que están nos centros da Rede Provincial e o traballo que levan a cabo así como fomentar posíbeis sinerxías entre as iniciativas dos distintos coworkers, que é un dos principais obxectivos da Rede”.