O Laboratorio 5G da AMTEGA e a UVigo inicia a súa actividade cun proxecto de Network Slicing
xoves, 2 de xullo do 2020
A
Universidade
de Vigo e a Axencia para Modernización Tecnolóxica de Galicia
(AMTEGA) informaron este xoves 2 de xullo do inicio de actividade do
Laboratorio 5G. Faino cun proxecto de innovación de Segmentación
de Rede (Network Slicing), que permite aproveitar as
características de virtualización do dito estándar móbil para
crear redes illadas e adaptadas a necesidades específicas, como por
exemplo as das redes especializadas en Internet das Cousas, de banda
larga, as do vehículo conectado ou redes privadas para usuarios
corporativos, etc.
Estas
redes habilitaríanse sobre a mesma infraestrutura coa vantaxe de non
ter que despregar novos equipos específicos, engadiu a axencia
autonómica, que lembra que o dito laboratorio é unha iniciativa
impulsada ao abeiro do acordo asinado en marzo entre a Xunta e
Universidade de Vigo.
A
AMTEGA e a Uvigo lembran que a Segmentación de Rede é unha das
características máis innovadoras do estándar da tecnoloxía 5G,
pero, aclaran, “o seu desenvolvemento aínda está nun punto moi
inicial a pesar das grandes vantaxes que introduce na eventual
compartición de redes, na asignación de largo de banda de acordo
cos requisitos de cada usuario en cada momento ou para poder
garantir as calidades de servizo acordadas”.
O
novo laboratorio ofrece, por unha banda, equipamento específico para
realizar todo tipo de probas sobre esta tecnoloxía e, pola outra,
asesoramento dos especialistas da Universidade. A súa constitución
enmárcase nas actuacións do Nodo 5G, impulsado pola Xunta a través
do Plan Galicia 5G, e ao que se adheriu a Universidade de Vigo en
2019, e do que tamén forman parte os operadores Telefónica,
Vodafone e R e co que tamén colabora o Observatorio Nacional do 5G.
“Temos
equipamento e experiencia e interésanos poñelo ao servizo da
contorna que nos rodea, de empresas e institucións que queiran
colaborar coa Universidade. É o que damos en chamar a innovación
aberta, un espazo de transferencia no que poder sacar partido dos
coñecementos que hai na UVigo”, explicaba Felipe Gil no intre de
constituírse o laboratorio. Non se trata, remarcaba, “de que
empresas e organismos se limiten a empregar as nosas instalacións”,
senón que o que se busca e xerar sinerxías, colaborar en proxectos
e abrir novas áreas de investigación en liña coas necesidades do
tecido empresarial da contorna.