O Laboratorio de Innovación Audiovisual da Coruña presentará mañá a súa programación

martes, 12 de setembro do 2017 Marcus Fernández

O pasado mes de xuño dende a concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento da Coruña anunciaron a creación dun laboratorio de innovación audiovisual (LAIC) dentro do programa Coruña Dixital, para o que organizaron un encontro informal a xeito de toma de contacto cos interesados nesta iniciativa, que mañá mesmo vai ter unha segunda edición para poder así concretarse na presentación da súa programación.
Este segundo encontro aberto coas comunidades #LAIC vai ter lugar mañá ás 19:00 horas no espazo de coworking Accede Papagaio, contando o evento coa presenza do concelleiro José Manuel Sande e do equipo de Coruña Dixital, para así presentar a programación para os vindeiros meses, dialogar cos asistentes sobre as liñas de traballo do laboratorio e as distintas iniciativas que se están a levar a cabo na cidade herculina relacionadas coa cultura audiovisual e dixital. Simultaneamente tamén abrirase a preinscrición nas distintas actividades que impulsa o LAIC (todas de balde).

PUBLICIDADE