O Lenovo Cast facilitará o uso do televisor como un monitor externo sen fíos

xoves, 28 de maio do 2015 Marcus Fernández

Moitas son as solucións que facilitan a reprodución de contidos multimedia no televisor do salón ou noutras pantallas dende equipos informáticos e dispositivos móbiles, e para atender esta demanda chegará en agosto a un prezo de 49 dólares o Lenovo Cast, un trebello redondo de 7 centímetros de diámetro e 1,5 centímetros de alto que pode conectarse a unha pantalla por HDMI para achegarlle un sinal de vídeo até 1.080p e que comunícase sen fíos a través de Wi-Fi N a través das bandas dos 2,4 e os 5 GHz.
Aínda que poida parecer que estamos ante un competidor do Chromecast de Google, estamos ante un produto diferente, xa que non recibe o sinal só da Internet, senón que sería compatible con contidos multimedia DLNA e con dispositivos Miracast, ou sexa, que podería empregarse para presentar en pantalla grande os contidos de smartphones compatibles (con Android 4.3 ou superior ou con Windows Phone) ou incluso de numerosos ordenadores e tabletas con Windows 8.1. Temos así un trebello máis versátil que o Chromecast, que sería máis semellante ao receptor Miracast de Microsoft, pero cun prezo máis económico e máis posibilidades (por exemplo, con DLNA facilítase a presentación de contidos multimedia dende un dispositivo con iOS ou dun disco duro en rede).

O Lenovo Cast conta con saída HDMI 1.3 para poder levar o sinal audiovisual a un monitor ou televisor

PUBLICIDADE