O MEGA celebra o Orgullo Friki cun concerto da streamer Elesky e reivindicando videoxogos de culto
martes, 28 de abril do 2026
O vindeiro mes de maio, o Museo de Estrella Galicia (MEGA) achegará aos seus clientes por segundo ano consecutivo unha cea maridaxe para “MEGA Frikis” inspirada no cinema, os videoxogos, a animación ou a literatura e que contará con música en directo da coñecida pianista e streamer española Elesky. A cita, onde non faltarán as cervexas e as receitas a cargo de Terra Food, será o venres, 22 de maio, a partir das 21.00 horas, e as entradas están xa á venda na web oficial do museo.
Dende o MEGA explican que ademais de ofrecer “unha experiencia gastronómica e sensorial diferente”, enmarcada na conmemoración do Día Mundial do Orgullo Friki que se celebra cada 25 de maio, o MEGA propón unha celebración do Orgullo Friki acompañada de música en directo. Así, a velada estará amenizada pola coñecida pianista e streamer Elesky, que conta con centos de miles de seguidores nas redes sociais. A asturiana visitará de novo a Sala de Degustacións do Museo de Estrella Galicia para interpretar algunhas das bandas sonoras máis coñecidas do mundo do cinema e dos videoxogos máis relevantes da denominada cultura alternativa.
