O MUNCYT estrea unha exposición sobre o I+D español dos últimos 40 anos

martes, 4 de decembro do 2018 Marcus Fernández

Esta mañá tivo lugar a inauguración da exposición Ciencia e Tecnoloxía en Democracia. 1978-2018 40 anos de investigación en tempos da Constitución Española no Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía (MUNCYT) da Coruña, á que acudiron o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro; o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo; o delegado do Goberno, Javier Losada; e o ministro de Ciencia, Innovación e Universidades, Pedro Duque; entre outras autoridades.
Neste acto, Xulio Ferreiro manifestou que «é momento para reafirmar o compromiso do Concello coa democratización do coñecemento, co reforzo das políticas públicas que permiten un acceso igualitario á formación, coa visibilización do traballo e os logros das mulleres na ciencia e o impulso a un avance tecnolóxico que nos permita poñelo ao servizo das persoas e dos retos globais que afrontamos, como a loita contra o cambio climático, a saúde ou a mellora das condicións de vida». Tamén incidiu no papel que teñen as administracións públicas para lograr que a representación das mulleres científicas non diminúa segundo máis alto sexa o posto de mando.
Pola súa banda, Núñez Feijoo asegurou que a mostra proba como a innovación é unha oportunidade para medrar e ser máis competitivos nos sectores estratéxicos da nosa economía, e lembrou que grazas á innovación Galicia pasou dunha agricultura e gandaría de subsistencia a converterse na primeira comunidade en produción láctea e na 8ª potencia de Europa en produción forestal. Tamén salientou o feito de que PSA pasou de fabricar 150.000 vehículos en 1978 a producir tres veces máis.
A exposición inaugurada, producida polo Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI) transmite o progreso económico, empresarial, industrial, cultural e social ao abeiro dos corenta anos de vida da Carta Magna española e estará aberta ao público até o 20 de xaneiro.

A exposición permanecerá aberta até o 20 de xaneiro

PUBLICIDADE