O MUVI desenvolve unha ambiciosa exposición de videoxogos para o Salón do Libro de Pontevedra
mércores, 21 de abril do 2021
Por
segundo ano consecutivo, a Fundación
Museo do Videoxogo de Galicia (MUVI) colaborará de xeito activo
co Salón do Libro Infantil e
Xuvenil de Pontevedra, que chega á súa XXII edición. En
palabras dos responsábeis do MUVI, os irmáns Jacobo e Galo
Martínez, a participación do museo de Cangas no dito evento é unha
nova constatación do interese que espertan os videoxogos entre o
público, o que se materializa unha vez máis na súa inclusión, de
maneira natural e directa, no programa do Salón.
“Para
o MUVI, a idea de poder seguir promovendo o videoxogo nun espazo
fresco e cultural como é o Salón sempre será motivo de
celebración, pois esta está correspondida coas bases fundacionais
da entidade, que procura entrelazar divulgación, entretemento e
interacción”, explican, engadindo que desta volta a fundación ten
preparado “un percorrido imperdíbel sobre a relación entre o
videoxogo e a ecoloxía, da man dunha exposición con máis de dúas
decenas de fitos que recollen algúns dos momentos máis interesantes
da industria en relación co medio natural, as enerxías renovábeis
ou as problemáticas e solucións que a Terra ten por diante”.
O
percorrido físico co que poderán interactuar os asistentes (que se
complementará cun itinerario
virtual accesíbel na web do Salón) exhibirá obras, sistemas e
información sobre estes elementos en relación coa ecoloxía,
“deixando patente como o videoxogo se relaciona coa realidade
histórica e social de cada intre cronolóxico, abrindo cada vez máis
portas no referido ás temáticas, aos relatos e ao seu tratamento,
nunha viaxe que vai, neste caso, desde o ano 1982 até o 2021”,
explican os irmáns Martínez, facendo saber que amais da exposición
permanente o MUVI tamén prevista unha serie de visitas guiadas por
eles mesmos, que ampliarán a información do espazo principal, amais
de ofrecer “unha viaxe accesíbel e interactiva para todo neno e
adulto que se inscriba”.
· Xoves 22 de abril - 18:30 -
Videoxogos: manual de instrucións (só
para profesores). Intervención
da Fundación Museo do Videoxogo de Galicia no III Congreso
Internacional de Mediación Lectora.
· Sábado 24 de abril - Videoxogos e ecoloxía 11.30h (A partir de
6 anos) no Recanto Tecnolóxico.
· Sábado 24 de abril - Videoxogos e ecoloxía 18.30h (A partir de
6 anos) na Sala de
Exposicións.
· Domingo 25 de abril - Videoxogos e ecoloxía 11.30h (Menores
acompañados de 6 anos acompañados) no Recanto Tecnolóxico.
· Domingo 25 de abril - Videoxogos e ecoloxía 18.30h (Menores
acompañados) no Recanto Tecnolóxico.
· Sábado 1 de maio - Videoxogos e ecoloxía 11.30h (Menores
acompañados de 6 anos acompañados) na Sala de exposicións.
· Sábado 1 de maio - Videoxogos e ecoloxía 18.30h (Menores
acompañados de 6 anos acompañados) na Sala de Exposicións.
· Domingo 2 de maio - Videoxogos e ecoloxía 11.30h (Menores
acompañados de 6 anos acompañados) na Sala de Exposicións.
· Sábado 8 de maio - Videoxogos e ecoloxía 11.30h (Menores
acompañados de 6 anos acompañados) na Sala de Exposicións.
· Sábado 8 de maio - Videoxogos e ecoloxía 17..30h (Menores
acompañados de 6 anos acompañados) na Sala de Exposicións.
· Domingo 9 de maio - Videoxogos e ecoloxía 11.30h (Menores
acompañados de 6 anos acompañados) na Sala de Exposicións.
Unidade didáctica
A
exposición física e virtual terá un engadido final en forma de
Unidade Didáctica a resolver pola conta de calquera asistente que
así o desexe, perante a idea de repasar os coñecementos adquiridos
durante o percorrido e recompilar a meirande parte da información
ofrecida, afondando de novo na idea da interactividade e a
accesibilidade, “elementos presentes en todas as propostas que o
MUVI deseñou para o Salón”, explican os creadores do museo, que
lembran a todas as persoas interesadas que poden consultar calquera
dúbida con Galo Martínez (651 662 746) ou con Carlos Pereiro (669
225 461), membros da fundación.