O MUVI leva ao MIHL de Lugo, a partir deste martes, a mostra Literatura e videoxogos

luns, 4 de decembro do 2023 S. P.

A Área de Cultura e Promoción da Lingua do Concello de Lugo e a Fundación Museo do Videoxogo de Galicia (MUVI) organizan a exposición Literatura e videoxogos. Será no Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL) durante dous meses: dende o 5 de decembro até o 9 de febreiro. A inauguración está prevista para este 5 de decembro ás 12.00 horas.
A mostra poderase visitar polas tardes durante a semana (de 16:30h a 19:30h) e as fins de semana tamén pola mañá (de 10:00h a 14:00h e de 16:30 a 19:30h). As reservas para centros de ensino poderán facerse a través do correo info@muvi.gal ou no teléfono 986112931 de luns a venres de 9 a 14h.
Segundo salientan o Concello de Lugo e o MUVI, a exposición xa pode ser considerada un éxito de participación incluso antes da súa apertura, xa que están inscritos preto de medio milleiro de alumnas e alumnos para gozaren das visitas guiadas de 2 horas de duración, en grupos pequenos de alto valor divulgativo.
A mostra significa o peche das actividades da Fundación Museo do Videoxogo neste 2023. O proxecto está impulsado pola Área de Cultura e Promoción da Lingua do Concello de Lugo e enmárcase nunha das principais liñas de traballo nas que a citada entidade, declarada de Interese Cultural Galego en 2020, leva traballando nos últimos anos.
“Esta mostra é a máis grande, a máis ambiciosa e a de maior duración de tódalas desenvolvidas ata agora pola Fundación MUVI”, explican os seus impulsores (os irmáns Jacobo e Galo Martínez, dende Cangas), engadindo que “abordará a relación entre dous medios culturais como son a literatura e os videoxogos: as narrativas e a lingua integradas como elementos inseparábeis das obras interactivas, asi como as retroalimentacións, sinerxías e xéneses existentes entre ambas”.
Trátase, engaden, “dunha exposición de interese para tódalas idades e que conta cun elemento divulgativo innovador: un calendario continuo para centros de ensino durante a semana, e que supera nestes intres os 400 alumnos inscritos, resultando un éxito antes de anunciarse”.
A exposición contará con máis de 20 sistemas de videoxogos e outros tantos títulos interactivos de tódalas épocas (incluíndo xogos creados en Galicia) que convivirán durante máis de 2 meses cunha vintena de obras literarias para o entendemento da súa relación.
O Comisariado do Museo do Videoxogo levará a cabo, en coordinación coa Área de Cultura e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, actividades divulgativas gratuítas especialmente deseñadas para centros de ensino, en exclusiva e durante varias xornadas en horario de mañá en forma de visitas guiadas con contidos didácticos sobre a mostra nos propios espazos expositivos do MIHL.
A exposición permanecerá aberta ao público, de balde, dende a súa inauguración o día 5 de decembro ata o día 9 de febreiro de 2024.
"O noso obxectivo", explican dende o MUVI, “é achegar unha solución tecnolóxica innovadora dentro do eido museístico, cultural e expositivo, ademais de explorar novas vías á hora de presentar e
relacionar contidos, obxectos, obras ou ideas”. E engaden: “Navegando por ela, as persoas visitantes terán a posibilidade de gozar dunha experiencia reflexiva, transversal, que pretende convidar aos curiosos a afondar e perderse nalgúns dos lugares máis apaixonantes desta temática”.
Quinto aniversario do MUVI
Como conclusión a este traballo de meses de xestación en coordinación coa Área de
Cultura do Concello e co MIHL, o remate da exhibición Literatura e Videoxogos coincidirá coa celebración do quinto aniversario da apertura do Museo do Videoxogo (MUVI) en Cangas do Morrazo o 2 de febreiro de 2019, sendo a primeira exposición permanente e museo de videoxogos aberto en España, e a primeira fundación nacional adicada en exclusiva á historia do videoxogo. Dende a súa creación, explican os creadores do MUVI, “tódalas iniciativas e proxectos da entidade teñen por vontade amosar o mundo do videoxogo ao público como unha forma máis de expresión cultural e artística, coa rigorosidade e o respecto que merece, de xeito inclusivo e transversal a toda a sociedade”.

PUBLICIDADE