O MUVI organiza unha xornada arredor do videoxogo galego Super Woden GP II

xoves, 22 de decembro do 2022 S. P.

O Museo do Videoxogo de Cangas vai organizar unha xornada que xirará en torno ao videoxogo galego Super Woden GP II e o seu desenvolvedor (ViJuDa). Será o venres 30 de decembro de 16.30 horas a 20.00 horas.
A cita constitúe a primeira dun programa repleto de xornadas encadrado na nova liña de traballo da Fundación Museo do Videoxogo de Galicia, na que creadores e creadoras da industria cultural galega do videoxogo serán os protagonistas a través das súas obras e as súas experiencias, visibilizadas e contextualizadas dentro do museo.
O obxectivo do MUVI neste contexto de visibilización é transformarse nun altofalante en prol da divulgación e difusión daqueles videoxogos que foron ou están a ser creados en Galicia.
Segundo o seu director Jacobo Martínez, “nesta cita divulgativa e transversal a cultura e a industria do videoxogo galegas compartirán espazos no MUVI, onde o creador de Vigo fará un percorrido polo proceso de deseño, programación e desenvolvemento do seu próximo videoxogo, que sairá en 2023”.
Segundo explican dende a fundación, Super Woden GP II é unha secuela de Super Woden GP, un xogo de condución en perspectiva isométrica herdeira dos clásicos de carreiras dos anos 90, lanzado por primeira vez en STEAM en setembro de 2021, “con grande éxito dentro e fóra das nosas fronteiras e con vendas nas máis importantes plataformas dixitais de ámbito internacional”. Trátase engade o MUVI poñéndonos en situación sobre a xornada do vindeiro venres, “dun xénero aclamado polos seareiros e con gran presenza ao longo da historia do sector, motivo polo cal, tralo coloquio con ViJuDa, a versión beta de Super Woden GP II estará xogábel e accesíbel ao público, así como unha exposición interactiva conformada por outros xogos de condución que inspiraron ao seu autor”.
Galo Martínez, presidente da fundación, insiste na importancia desta cita como “punto de partida dun novo proxecto cultural que formará parte do calendario cultural do museo para o ano que vén”. Segundo explica “o MUVI arroupará aos xoves creadores a través desta nova fórmula, pioneira en Galicia, e non soamente haberá videoxogos, por tanto as citas serán transversais e abertas á cultura e a toda a sociedade”. No caso do día 30, a Asociación Tempus Ludit de Cangas estará presente nas aulas do MUVI durante a xornada, nunha sesión con xogos de mesa relacionados, entre outros, cos deportes de motor e o mundo do automobilismo.”Será un evento variado e para toda a familia”, explica Galo Martínez.
Esta xornada será respaldada pola Asociación Galega de Videoxogos e Contidos Interactivos - videoxogo.gal
Programa
16:30h – Apertura de portas do MUVI.
Inauguración da exposición A inspiración de Super Woden GP.
17:00h – Diario de desenvolvemento Super Woden GP II.
Presentación e coloquio con ViJuDa sobre o desenvolvemento do título. O público pregunta.
18:00h – Experimentación Super Woden GP II.
20:00h – Presentación Asociación Tempus Ludit.
20:30h –Peche da xornada.
Inicio sesión nocturna de xogos de mesa (só membros da asociación).

PUBLICIDADE