O MUVI recupera unha consola que non chegou a comercializarse

luns, 1 de xullo do 2024 Marcus Fernández

O consola de Sega que mesturaba Mega Drive e Sega 32X chegou a saír nos medios

O desenvolvemento de novas consolas de videoxogos é un proceso longo e complexo, que non sempre remata ben, de xeito que produtos incluso presentados publicamente non conseguen chegar ás tendas, mentres que outros quedan na memoria como misterios comparables a lendas urbanas, das que conseguir probas da súa existencia é case un traballo de arqueoloxía tecnolóxica.
Probablemente a consola que non foi máis coñecida é a Nintendo PlayStation, unha Super Nintendo con CD-ROM, que Nintendo ía sacar en colaboración con Sony, e que finalmente sentou as bases da que sería a Sony PlayStation.
Pero houbo outras consolas de grandes marcas que tampouco chegaron ás tendas, como a coñecida como Sega Neptune, que sería unha consola híbrida entre unha Sega Mega Drive e unha Sega 32X, e que incluso chegou a aparecer na prensa estadounidense como Genesis 32X System asegurándose que chegaría ás tendas no outono de 1995. Dado que naquel momento a compañía xa estaba metida na comercialización da Sega Saturn (considerada todo un fracaso por non conseguir vender nin a décima parte de unidades que a súa competidora directa, a PlayStation).
Pero o curioso da Sega Neptune é que co tempo tívose acceso aos seus prototipos, e grazas a un proxecto de investigación e preservación, conseguiuse replicar, e unha das poucas unidades que existen no mundo destas réplicas do prototipo do Project Neptune forma parte da exposición do Museo do Videoxogo de Galicia en Cangas do Morrazo.
Dende a Fundación do Museo do Videoxogo de Galicia non se limitan a dar visibilidade a esta xoia rescatada da historia, senón que tamén publican un repositorio co material que permite desenvolver esta réplica dende cero.
Cómpre lembrar que o proxecto desta consola recuperada aínda está activo, co obxectivo de chegar a crear unha réplica que sexa case indistinguible da consola que se puidese chegar a comercializar. Incluso é posible que cheguen a crear unha consola funcional (ao que non chegou o proxecto de Sega).

No MUVI pode verse unha réplica do prototipo do Project Neptune