O Mario Kart para móbiles adía o seu lanzamento

xoves, 31 de xaneiro do 2019 Marcus Fernández

Hai preto dun ano Nintendo anunciou que estaba a preparar o xogo Mario Kart Tour, unha aplicación para móbiles que vería a luz antes do remate de marzo de 2019, pero este esperado título non chegará ao mercado na data prometida, detallando Nintendo que o xogo para móbiles iniciará a súa distribución o vindeiro verán, empregando o adiamento para mellorar a calidade da aplicación e ampliar os seus contidos.
De momento non sabemos máis detalles do calendario de lanzamento de Mario Kart Tour, aínda que semella probable que a súa distribución internacional sexa progresiva, para poder escalar os servidores do xogo e poder adaptalo pouco a pouco en función dos intereses do público, para que cando chegue a todo o mundo sexa un produto estable e atractivo, á altura da súa franquía.
Este lanzamento será todo un reto para Nintendo, que ten que conseguir o equilibrio coas súas entregas para consolas para non vampirizalas, xa que Mario Kart é unha das series de máis éxito nos últimos anos, e a Nintendo está a resultarlle complicado conseguir uns ingresos semellantes en móbiles dos que conseguen en consolas, de xeito que non lles compensaría que Mario Kart Tour poida conseguir unha experiencia moi completa agás que muden de modelo de negocio apostando por unha fórmula free-to-play que funciona moi ben en casos como Fortnite.

PUBLICIDADE