O Mavic Pro podería ter un irmán pequeno
venres, 7 de abril do 2017
- Imaxe filtrada na que podemos ver como o DJI Spark tería un tamaño moi inferior ao do DJI Mavic Pro
O pasado outono DJI
sorprendeu ao mundo presentando o seu dron Mavic Pro, cuadricóptero cun
tamaño moi reducido (198 x 83 x 83 milímetros encartado) de xeito que até pode
transportarse comodamente nunha mochila á vez que conta con numerosas funcións
automáticas que facilitan o seu uso por case calquera para disparar fotografías
e gravar vídeo en ultra alta definición sen medo a que choque ou se perda e
podendo incluso seguir automaticamente a un suxeito (o que resulta ideal para a
gravación de actividades ao aire libre).
O grande nivel técnico deste dron grazas aos seus numerosos sensores e aos seus
sistemas de intelixencia artificial son elementos a valorar moi ao favor deste
trebello, pero o seu tamaño compacto marcou a diferenza que fai que o malogrado
dron Karma de GoPro (de maior tamaño e menos prestacións) estea a ser un
rotundo fracaso, pero dende DJI parecen non estar tranquilos e queren levar a
portabilidade dos seus drons aínda máis aló, segundo entendemos ao ver imaxes
filtradas do que sería o futuro DJI Spark, un cuadricóptero encartable de
dimensións bastante inferiores, o que podería indicar que sería un produto con prestacións
algo limitadas, pero cun prezo máis competitivo, facendo cada vez máis
accesibles os drons para os usuarios que simplemente os ven como un produto de
consumo e que animaríanse a mercar un se realmente é pequeno e doado de usar
(factores sempre moi coidados por DJI).
As imaxes do DJI Spark dan a entender que sería un dron moi semellante ao Mavic
Pro, con diversos sensores para evitar obstáculos e unha cámara conectada a un
estabilizador que parece xirar só en vertical (o que levaría a que o dron tivese
que moverse para poder facer tomas panorámicas), aínda que as súas limitacións
poderían resultar indiferentes se realmente está pensado para ser un dron para selfies ou para carreiras, xa que o seu
tamaño compacto faríao atractivo para ambos usos.
Haberá que agardar á presentación oficial deste produto para coñecer máis
detalles, pero polo momento o que deixan claro dende DJI é que aínda queda moito
percorrido dentro dos prometedores drons para uso persoal, o que facilitará o
achegamento a este ámbito a un público que non estaría interesado na
adquisición dun vehículo voador non tripulado que precisase de numerosas
sesións de aprendizaxe ou que para cada uso fose necesario un complexo
procedemento de montaxe dos seus accesorios.