O Mercado de Cee inicia unha nova andaina tras unha fonda transformación estrutural e tecnolóxica

venres, 27 de decembro do 2024 S. P.

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, comprobou este 27 de decembro o resultado das obras de posta a punto do Mercado Municipal de Cee, onde salientou a aposta do Goberno “pola modernización do comercio de proximidade e a mellora dos servizos á cidadanía da man dos fondos do Plan de Recuperación”. Fíxoo na compaña da alcaldesa, Margarita Lamela, que lle mostrou os traballos de reforma do dito inmóbel, que contaron cunha axuda de máis dun millón de euros do Ministerio de Industria e Turismo a través da liña de fomento dos mercados urbanos sostíbeis.
Como explicou o delegado, grazas a este investimento (1.057.979,36 euros que representan o 80% do total do proxecto) os veciños e veciñas de Cee contan cun novo espazo no centro da vila que conxuga gastronomía, artesanía e cultura.
As actuacións consistiron na reforma integral do Mercado Municipal. Mellorouse a envolvente térmica do edificio e o illamento acústico, ao tempo que se dotou ao inmóbel dun novo sistema de iluminación máis eficiente e paneis fotovoltaicos para a produción de enerxía.
Xunto ás obras no edificio, o proxecto AMACEE, beneficiario da axuda do Goberno, tamén inclúe a creación dunha vindeira plataforma web, unha aplicación móbil e campañas de promoción e información nas redes sociais, contemplándose tamén actividades de formación tecnolóxica e mentoring.
Crearase tamén un espazo gastronómico, zonas de exposicións e de artesanía e, ademais, unha zona de descanso e de promoción do Camiño de Santiago, ademais de campañas de promoción do comercio local, contidos dixitais, a habilitación dunha rede Wi-Fi na área comercial, un escaparate virtual e un control de quendas dixitais do Mercado.