O Mestrado en Enxeñaría Informática da UVigo acada o recoñecemento internacional co selo Euro-Inf

mércores, 16 de xullo do 2025 S. P.

A sede da Agencia Nacional de Evaluación y Acreditación (ANECA), en Madrid, acolleu este martes 15 de xullo a cerimonia de entrega dos seus selos internacionais de calidade nun acto presidido pola súa presidenta, Pilar Paneque. Entre as titulacións distinguidas estivo a UVigo, máis polo miúdo o seu Mestrado Universitario en Enxeñaría Informática, que recibiu o selo Euro-Inf.
Por parte da Universidade de Vigo estiveron no acto Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, e Alma Gómez, coordinadora deste máster, que se imparte na Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense.
O Selo Euro-Inf de Informática e Informática Empresarial é un certificado concedido pola axencia autorizada por European Quality Assurance Network for Informatics Education e desenvolvido en España por ANECA, organismo autónomo adscrito ao Ministerio de Ciencia. O selo avala que “un programa formativo de enxeñaría de nivel de grao ou mestrado cumpre cos estándares internacionais, establecidos por persoas académicas e profesionais que colaboran coa dita axencia”.
O Máster Universitario en Enxeñaría Informática pola Universidade de Vigo, ten como obxectivo primordial “a preparación de profesionais altamente cualificados, capaces de planificar, deseñar, dirixir, coordinar e xestionar proxectos, produtos, procesos e instalacións en todos os ámbitos da Enxeñaría Informática”. Cunha carga docente de 90 ECTS, impártese durante tres cuadrimestres (1 curso e medio) e ten tres orientacións ou intensificacións cun elevado nivel de empregabilidade na contorna socioeconómica galega e española. Trátase das orientacións de: Enxeñaría Informática: Profesión na Práctica (opción dual); Seguridade Informática en Sistemas e Redes e Desenvolvemento de Grandes Sistemas Software.
Segundo explicou Alma Gómez, este distintivo outórgase tras a superación dunha avaliación rigorosa por parte dun comité de expertos independentes, nomeados pola ANECA, que verifican o cumprimento dos estándares de calidade de Euro-Inf. A avaliación, matiza, “foi positiva sen prescricións, é dicir, non se fixeron recomendacións de mellora do título, o que reforza a idea do nivel de calidade alcanzado na formación que reciben os nosos estudantes”. O selo, indica a coordinadora do máster, “é un recoñecemento de prestixio no ámbito da informática, o que pode ser beneficioso para a carreira profesional do noso alumnado tanto en España como no resto de Europa”.
O Grao en Enxeñaría Informática que se imparte na Escola Superior de Enxeñaría Informática do Campus de Ourense xa conta con este recoñecemento desde 2019, sumándose agora o selo do mestrado.
Continuando nesta liña de traballo pola mellora continua, a coordinadora sinala que recentemente o mestrado tamén obtivo a avaliación positiva da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario Galego (ACSUG) para a súa impartición en modalidade dual, isto é, cun programa de formación en empresas para o seu alumnado.