O Mi 9 Pro 5G é o novo tope de gama de Xiaomi

martes, 24 de setembro do 2019 Marcus Fernández

Tras presentar o Redmi K20 Pro como unha renovación en potencia do anterior móbil insignia de Xiaomi na gama media, chegou a quenda da gama alta, e presentaron hoxe o Mi 9 Pro 5G, que presume de tirar proveito das 3 bandas 5G empregadas por China Mobile, China Unicom e China Telecom e conseguir velocidades de descarga de até 2,02 Gbps (en laboratorio) ou até 1,78 Gbps (en probas de campo), ou sexa que gozarían dunha banda larga 10 veces máis rápida que as conexións 4G habituais. Amais, este novo terminal integra unha estrutura de 7 antenas para conseguir unha boa recepción co dispositivo en horizontal ou vertical.
O Mi 9 Pro 5G funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon 855+, até 12 GB de RAM, até 512 GB de almacenamento interno, un deseño que consegue reducir a temperatura do procesador até 10,2 graos centígrados, a súa batería de 4.000 mAh permite carga rápida de 40 watts por cable (o que permite unha carga completa en só 48 minutos), carga rápida sen fíos a 30 watts e incluso conta con cárga inversa sen fíos a 10 watts (o que resulta moi práctico para cargar accesorios como auriculares sen fíos).
A nivel de cámara, o Mi 9 Pro 5G ten unha cámara traseira tripla cun sensor principal de 48 Mpíxeles, un ultra grande angular de 16 Mpíxeles e un teleobxectivo de 12 Mpíxeles; mentres que a cámara frontal está agochada nunha pestana superior central e ten unha resolución de 16 Mpíxeles.
Este novo smartphone tamén conta cunha pantalla AMOLED Full HD+ de 6,39 polgadas, recoñecemento de pegadas dixitais e NFC (compatible con pagamentos móbiles), e porase á venda en China en modelos con 8 GB de RAM e 128 GB de almacenamento a 3.699 iuans (474 euros), con 8 GB de RAM e 256 GB de almacenamento a 3.799 iuans (487 euros), con 12 GB de RAM e 256 GB de almacenamento por 4.099 iuans (525 euros) e con 12 GB de RAM e 512 GB de almacenamento por 4.299 iuans (551 euros).

PUBLICIDADE