O Mi MIX 3 agocha a súa cámara frontal e promete 5G para 2019

xoves, 25 de outubro do 2018 Marcus Fernández

Hai un par de anos Xiaomi sorprendeu ao mundo co seu Mi MIX, un smartphone con marcos reducidos que adiantouse ao mercado na tendencia de ocupar case toda a súa parte frontal coa pantalla, aínda que mantiña certo marco inferior, pero a súa última revisión consegue unha vez máis colocarse na vangarda, e o Mi MIX 3 aposta por un deseño deslizante para agochar a súa cámara frontal (e poder evitar a pestana superior doutros terminais), o que permítelle que a súa pantalla de 6,39 polgadas ocupe o 93,4% da súa frontal (moi preto do Oppo Find X).
Este novo smartphone, que funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon 845 e pode equiparse con até 10 GB de RAM, non se conforma cun destacar en deseño e grande potencia, e tamén persegue un magnífico apartado fotográfico con cámaras duais diante e detrás (de 12+12 Mpíxeles e 24+2 respectivamente, conseguindo unha puntuación en DxOMark moi próxima á do iPhone Xs), incorpora carga sen fíos e a primeiros de 2019 traerá a Europa unha versión con conectividade 5G.
O Mi MIX 3 sairá á venda en China o vindeiro día 1, a un prezo de 3.299 iuans (417 euros) para o modelo con 6 GB de RAM e 128 GB de almacenamento; con 8 GB de RAM e 256 GB de almacenamento custará 3.999 iuans (505 euros); e, finalmente, a edición con 10 GB de RAM e 256 GB de almacenamento terá un prezo de 4.999 iuans (631 euros).

O Mi MIX 3 chegará ao mercado en cores bastante elegantes

PUBLICIDADE