O Mi Pad 4 medra até as 10,1 polgadas

martes, 14 de agosto do 2018 Marcus Fernández

A comezos do verán Xiaomi sorprendía recuperando as súas tabletas con Android, colocando ao Mi Pad 4 como unha da tabletas con LTE máis asumibles do mercado, e agora anuncian que o vindeiro xoves en China van comezar a vender o que sería a súa irmá maior, a tableta Mi Pad 4 Plus, que en vez de pantalla de 8 polgadas optaría por unha pantalla de 10,1 polgadas.
Esta nova tableta mantén unha resolución de 1.920 x 1.200 píxeles e procesador Qualcomm Snapdragon 660 con gráfica Adreno 512, pero medra noutras características, de xeito que o seu modelo básico terá 4 GB de RAM e 64 GB de almacenamento interno, contando tamén cunha versión con 128 GB de almacenamento. A súa batería tamén pasa dos 6.000 aos 8.620 mAh, co que debería compensar sobradamente o maior tamaño da súa pantalla.
O Mi Pad 4 Plus venderase a 1.899 iuans (242 euros) no seu modelo con 64 GB de almacenamento e conectividade LTE, mentres que a versión con 128 GB de capacidade e LTE custará 2.099 iuans (267 euros), prezos moi asumibles para dispositivos destas características.

JPEG - 107.9 KB
O Mi Pad 4 ten unha pantalla de 8 polgadas, mentres que o Mi Pad 4 Plus chega até as 10,1 polgadas

PUBLICIDADE