O Microsoft Office 2013 xa está dispoñible en galego, catalán e éuscaro

mércores, 13 de febreiro do 2013 Marcus Fernández

O compromiso de Microsoft coas distintas linguas do Estado é cada vez maior, e aínda que tras o lanzamento tanto de Windows 7 como de Office 2010 tivemos que esperar un certo tempo para poder galeguizar esas aplicacións, con Windows 8 e Office 2013 a situación mudou substancialmente, de xeito que Windows 8 estivo dispoñible en galego dende o mesmo día do seu lanzamento oficial e pola tradución do paquete ofimático de Microsoft apenas houbo que agardar 10 días, pois como veñen de anunciar dende a compañía de Redmond, o pasado venres publicaron os paquetes de idiomas de interface de Microsoft Office 2013 correspondentes ao galego, o catalán e o éuscaro.
Con este paquete as aplicacións Word, Excel, PowerPoint, OneNote e Outlook de Microsoft poden configurarse para amosar a súa interface en galego, o que, xunto ao feito de que contan con corrector ortográfico actualizado á normativa da Real Academia Galega aprobada en 2003, fai posible o uso dun escritorio informático en galego coas últimas tecnoloxías de Microsoft.
Lembremos que Office 2013 está dispoñible dende o pasado 29 de xaneiro, podendo adquirirse a súa versión doméstica por 119,99 euros (269 euros para empresas), sendo posible facerse co paquete ofimático de Microsoft mediante o servizo de subscrición Office 365 que custa 99,95 euros/ano (ou 10 euros/mes) para 5 equipos (podendo combinar ordenadores con Windows e OS X), prezos que teñen uns 20 euros de desconto cando van asociados á compra dun ordenador novo.

JPEG - 142.9 KB
Word, Excel, PowerPoint, OneNote e Outlook son as aplicacións que xa poden empregarse coa interface en galego

PUBLICIDADE